Esta Mostra susténtase nunha robusta estrutura de tecido humano, artístico, social e cultural, nutríndose do espírito aberto, participativo e tolerante das xentes do Morrazo, do seu amor polo entroido, pola música e polo TEATRO. Espírito no que se xestou a súa identidade: O Humor e a Igualdade.
Semella incríbel que nunha vila de 26000 habitantes se manteña no tempo un festival con tanto éxito e repercusión como se se celebrase nunha gran urbe.
As persoas que hoxe estamos á súa fronte, herdamos un fantástico legado que, cremos, soubemos recoller e traelo ao presente, ampliado e coa mirada posta no futuro, nas novas e vindeiras xeracións.
Ao longo destes anos, a Mostra acadou uns premios que nos honran, e emocionan:
- Premio da Cultura Galega 2025 da Xunta de Galicia.
- Premio Boas Prácticas en Igualdade 2025 da Deputación de Pontevedra.
- Premio de Honra Marisa Soto 2022 da Asociación de Actrices e Actores de Galicia.
- Premio á Animación Teatral 2021 da Federación Galega de Teatro Afeccionado.
- Premio da Crítica de Galicia 2018 da Asociación de Premios da Crítica de Galicia.
- Recoñecemento do CIM de Cangas 2015 no Día Internacional das Mulleres da Concellería de Igualdade do Concello de Cangas.
Chegar ata aquí con excelencia, profesionalidade, compromiso e en constante diálogo coa contorna foi posible grazas ás compañías e artistas, ás entidades patrocinadoras, públicas e privadas, grandes empresas e comercio local, ao noso fabuloso equipo técnico, artístico, gráfico e de comunicación, e, por suposto, a ese público que se renova dende 1984 e que hoxe visita a Mostra coas súas crianzas. Todas e todos eles fixeron posible este éxito, un éxito compartido.
Érguese o pano da 43 MITCFC e convidámosvos a gozar e reflexionar coa ficción teatral, xuntas e en ditosa harmonía.
Benvidas, benvidos a esta vigorosa casa comunitaria que é o Teatro.
María Armesto
Directora artística da MITCFC