'Makers' [L’Alakran]: Fiar o tempo

Crítica de Ana Abad de Larriva

Como se tece unha posta en escena? Como se vai atrapando a atención da persoa espectadora nos fíos da tea da araña que constitúe a dramaturxia do espectáculo? Makers, da Compagnie L’Alakran, que se presentou dentro da 39ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, aborda a maxia das persoas facedoras, das artistas, das poetas, tanto no tema, como, sobre todo, na forma.

Nunha primeira fase, de teatro de rúa, como a definiron os propios actores Óscar Gómez Mata e Juan Loriente, aínda que por cuestións de cabida se desenvolvese na sala de entrada do auditorio; os dous chegan e móvennos, mesmo con certa agresividade, mesmo con demasiado impulso. Descolócannos, e, pouco a pouco, sen que case nos decatemos, vannos metendo nese lugar liminar entre o transcendente e o mundano, entre o visible e o invisible, entre o serio e o absurdo, entre o riso e a nostalxia. Vannos levando por esas capas da “lasaña” da vida, combinando o filosófico, o científico e mesmo o poético, coa comicidade, mesmo a banalidade, parodiando o teatro e mesmo a vida, parodiándose a eles mesmos.

É unha peza analóxica, artesá, dirixida por Óscar, quen comparte a autoría con Agustín Fernández Mallo e Rodrigo García. É un traballo que se dirixe, cunha ruptura continua da cuarta parede, ao patio de butacas, e que mesmo convida a persoa espectadora a subir á escena; que remove os marcos das convencións, que fai sorrir e que algo fai pensar tamén, pero sen estridencias, que mesmo nos convida a rir de nós mesmas e cambiar a nosa filosofía de vida, sempre con humor.

Fálannos do amor, da luz, do tempo, da sensibilidade detrás da percepción, dos momentos que quedan ancorados na retina, que quedan fixados no corazón, dos remorsos, das viaxes no tempo que permite o teatro. Amósannos como na escena é posible volver atrás para construír algo novo, para volver unir o que rompera. E sobre todo fannos escoitar os silencios, a través do seu manexo dos ritmos, sabendo parar cando algo está xa no límite da saturación, e dende aí, crear unha nova atmosfera. E todo iso vén fiado por dous actores cunha gran traxectoria ás súas costas e con moitas táboas para conseguir que o complexo semelle sinxelo; por dous facedores, dous makers.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela. 25 de xuño de 2022

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.