Grazas por tanto, Xoán Cejudo
Este país acaba de perder unha das súas mellores cabezas. Un home culto e xeneroso. Infatigable lector, estudoso, reflexivo, brillante, irreverente, divertido e libertario. Xoán Cejudo. Un auténtico mestre.
Excelente actor e director que adestrou, desinteresadamente, a moitas xeracións de actrices, actores e directoras/es foi, tamén, un modernizador das artes escénicas, rescatándoas de prexuízos e costumismo e dotándoas de profesionalidade, luz e liberdade.
Esta Mostra, e as persoas que conforman as artes escénicas do Morrazo, público e profesionais, levámolo na memoria e no corazón. Divertímonos e aprendemos moito con el, dentro e fóra do escenario.
Xoán Cejudo fuxiu sempre da mediocridade e da tacañería artística e intelectual. Deixouse roubar ideas e regalou centos delas. Perdemos a un grande das táboas, do cine, da cultura. Tócalle entrar na a Historia pola porta grande.