Lembrando a María Mazás

  • Clara Castilla
  • Noticias

Cúmprese un ano do seu pasamento, pero a súa obra semella estar máis viva ca nunca. María Mazás foi unha artista polifacética que, coma di un dos seus grandes amigos, naceu para facer cousas marabillosas. Retrados, sombreiros, mosaicos, esculturas,... Convertía en arte o que tocaba cunha sinxeleza a naturalidade extraordinaria. Co gallo da XXXV Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, estivo exposta unha parte importante da súa obra. Ao longo de máis dun mes, foron moitas as persoas que visitaron o Auditorio de Cangas para ver os seus traballos. Algús achegábanse por primera vez á María Mazás artista. Outros, coñecían algunhas pezas pero ninguén tivera a oportunidade de ver nun mesmo espazo unha recopilación dos seus traballos. Unha mostra do seu talento. 

O pasado sábado 30 de xuño, celebrábase unha xornada para falar da súa obra. En Cangas, estiveron varias personalidades que coñeceron en vida a María Mazás e que estudiaron a súa obra. Hoxe queren falar dela persoeiros do eido da cultura que, un ano despois, seguen sen querer crer que a gran María deixou de facer arte coas súas mans.  

 

MELA CASAL (actriz e produtora)

A exposición de María Mazás que puiden ver en Cangas neste verán foi realmente fermosa. Para min supuxo un gran descubrimento. Coñecía parte da súa obra a través de fotografías pero nunca tivera a fortuna de vela en directo, de poder contemplar tantas e tan marabillosas pezas xuntas. 

Conmoveume especialmente a súa derradeira obra, o Poemario Atlántico, as crebas, esas pequenas composicións escultóricas creadas co que mar escupe. Arte que nace de todo aquilo que o mar non quere, refugallos cos que María foi quen de compoñer poemas e crear algo tan fermoso e conmovedor. Pura poesía.  Nesta obra, para min, destaca a sinxeleza dos materiais que emprega para convertelos en beleza, en ecoloxía, en xenialidade. Así vexo eu a María Mazás, unha artista co extraordinario don de facer que as persoas nos emocionemos. Sintamos. Reflexionemos. 

MONCHO AMIGO (escultor e amigo)

Coñezo máis a María que á súa obra. Para min, ela aínda está en Barcelona, onde a deixei hai moitos anos. Non teño esa sensación de que non siga facendo cousas. De que non estea viva. Cando nos coñecemos, eu era un rapaz despistado. Tiña uns 8 anos menos ca min. Un día, no seu taller da Coruña, díxenlle que me gustaría facer cousas como facía ela. Ter o meu propio tallerciño e facer os meus traballos. A miña primeira peza fíxena no seu taller. Chamábanlle ‘Deseño industrial’. Realmente, era unha lámpada que deseñara ao meu gusto. Ela alabouma moito e dicía que tiña un talento extraordinario. “Ti podes facer todo o que queiras”, díxome. Xuntos marchamos a Madrid . Despois, a Barcelona. Empecei a mostrar cousas miñas e á xente gustábanlle. Ata hoxe. María foi a que me empuxou a todo isto e a facer o que fago.

As obras de María Mazas son impecables. Non facía nada que estivese mal. Naceu para realizar cousas marabillosas. Mosaicos, pinturas, esculturas,… Sombreiros marabillosos, retratos preciosos… E se bailaba, movíase coma unha bailarina profesional.

Pero como para min o importante dunha persoa no é tanto o que fai senón o que é, teño que dicir que María é (en presente) unha persoa marabillosa. Alucinante. Extraordinaria e marabillosamente extraña. Moi boa amiga. Cariñosa.

 

NANI MIRÁS (Artista visual e creadora do vídeo sobre María Mazás para a Mostra e amiga)

Estes días levo a todas horas a María no meu pensamento. A exposición antolóxica que se fixo en Cangas, nun espazo tan grande e unificado, axudaba a seguir unha ruta pola inmensa María, tan difícil de resumir en catro paredes toda a súa obra. Sabendo do talento de María, preguntábame se alguén que descoñecía a súa obra chegaría a ela, a valorar realmente o seu talento, as súas esculturas tan cheas de espiritualidade, de poesia, de forza, de color e movemento. De reutilización, coa experiencia da súa arte en sombreirería de tantos anos. O seu dominio da  pintura en todas as súas facetas, desde o óleo á pintura Sumi e pasando pola caligrafía tanto xaponesa como árabe. María era una gran perfeccionista, era unha 'duendecilla' chea de maxia. A súa maxia impregnaba todo o que tocaba.

Coñecín a María brillando no medio dun gran grupo de pintores no Circle Artisitic de Sant LLuc. Brillaba pola calidade dos seus apuntamentos. Non me estrañou que ganara o certame de pintura dese ano en Sant Lluc, porque o seu talento era moi grande. Eu non era consciente de quen era, sabía que era unha das  grandes e funa coñecendo pouco a pouco. Apoderámonos do tórculo de Sant Lluc e fixemos unhas series de grabados de serie limitada. Disfrutamos moito xuntas.

Fun nai, deixei a pintura, un dia encontreina e díxome que quería pintar unha maternidade. E vin coñecer o seu estudio. Como que o vídeo é intrínseco na miña vida, fíxenlle unha peza de vídeo sobre o seu estudio. Impresionaba a orde, a meticulosidade coa que estaba todo colocado, a limpeza, a orde, a beleza, a calidez das cores, do perfume, dos libros. Era un todo tan belo, que non te deixaba impasible. A obra que me fizo en encáustica é belísima.

Sabía captar as almas, como se te lese por dentro. Ela quería estar na web, e coa axuda de Nuria París, fixémoslle a páxina web, para estenderse mundialmente. Ao ver a súa obra como poeta neses libros nunca publicados, ao ver as súas caligrafías, os seus sombreiros, os seus caixóns cheos de complementos, o seu xardín... penso que un ser tan completo non cabe nun corazón. Non se pode acotar. O brillo desta estrela é tan inmenso que só nos puido deixar unha pincelada do seu talento e só uns poucos a coñecemos. Déixanos a misión de dala a coñecer.

XABIER PICALLO (actor, dramaturgo, poeta e director de escena)

Da estupenda retrospectiva de María Mazás, comisariada por María Armesto e Diego Seixo, quedome coa súa verdade contra moitos ventos e moitas mareas. Ese mar Atlántico do que rescata as súas ofrendas e exvotos para crear o seu personalísimo altar: as crebas. Forza escultórica cincelada por ese mar forte que nas mans de Mazás parecera querer mediterraneizarse. Mazás é perfume de ozono atlántico con brisa mediterránea, froito dun corpo tan diminuto como expandido no universo da súa creadora. 

 

JULIA RODRÍGUEZ (especialista en artesanía botánica e amiga)

Coñecín a Maria Mazás nunha floraría na que me surto de flores para as miñas composicións (cadros, espellos, ect.).. Foi unha explosión de empatía e sensacións, que sen falar compartimos. 
Libre, honesta, xenerosa, elegante... 
A súa obra posúe unha forza inmensa, vital, amarga. María tiña unha capacidade especial para transformar todo o que tocaba. Era capaz de converter un trozo de aramio, madeira, papel, metal ou plástico vello e darlle nova vida, como se pode ver no seu Poemario Atlántico.
Recordo unha frase dela. Dicía "gústanme as cousas belas". Como era ela, por dentro e por fóra. Perdémola, pero deixounos infinidade de agasallos. 
Coñecela foi para min un tesouro que me acompañará sempre.
 
 
ASUNCIÓN BERNÁRDEZ RODAL (profesora da Universidade Complutense de Madrid de Comunicación e Xénero, Semiótica dos Medios de Masas e Teoría da Información)
 
A obra de María Mazás sorprendeume e conmoveume porque para min foi a representación dunha búsqueda sen límite de linguaxes creativas. Nos seus cadros había de todo: paisaxes, persoas, obxectos realistas, abstractos. Materiais diferentes, referencias infinitas a cousas que existen na realidade ou que ela inventaba.
O mundo dos obxectos desgastados polo mar e convertidos en obxectos artísticos resultoume emocionante: esas pezas rescatadas das ondas re-significadas nun novo marco expresivo, falaban do máis esencial e trascendente da arte: a vontade de mover as emocións, rompendo os límites entre o pasado e o futuro, entre a presenza e as ausencias, entre o que as cousas foron e o que agora son.
Hai unha mirada amorosa nas obras de Mazás cara aos obxectos que trata. Hai paixón por non estar nunca no mesmo sitio. Hai unha búsqueda constante na que podemos recoñecernos.

 

AURORA MARCO (profesora, investigadora e ensaísta)

Foi ver os seus óleos, collages, as súas "crebas" e ficar engaiolada... Foi ler o seu "Poemario Atlántico" e ficar envolvida na auréola de misterio que desprendía aquel espazo poético-artístico. Desfrutei con tanta beleza e quixen apreixar o espírito que latexaba naquelas fermosas creacións da autoría dunha artista, dunha creadora, para min descoñecida até aquel momento.

A súa paixón polo chapeu, a propia María Mazás dicía deberse "a la importancia que le otorgo a la cabeza, en ella es donde se encuentran las alas". Voar! Trasladarse a un mundo onde a ilusión, o deleite e a maxia das súas mans converteron en esculturas, non só os seus fascinantes chapeus, senón tamén os materiais de refugallo que arrastran as ondas do mar e fican esparexidos polos areais e polas rochas: velaí  as súas enigmáticas e lindas "crebas". 

Se é certo que María era tímida e non falou de si propia, segundo manifestan persoas que a coñeceron, nesta altura a súa obra fala por ela. Nunha entrevista dixo que a beleza está onde a ollada pode descansar tranquila. Pois si. Após o goce estético que produce a visión das súas obras, ou ao mesmo tempo, chega a serenidade. Poñámoslle un fondo musical.

 

PATRICIA DE LORENZO (actriz)

Naquelas horas que hai antes de facer unha función, decidín subir para ver a exposición. Ao que abriron as portas do ascensor, xa me atopei naquela sala do Auditorio de Cangas. Soa. En silencio. A única presenza era a da propia María Mazás, a quen nunca coñecín nin persoalmente nin a través da súa obra ou traxectoria artística. 
Levei comigo a súa creatividade e o seu sentido do humor. Tamén a súa mirada sobre o mundo, coa que me sinto identificada.
 
 
PATROCINIO JIMENO VICTORI (restauradora e amiga)  
 
Coñecémonos en Barcelona, onde tiña o seu obradoiro de sombreiros. María Mazás tiña unha creatividade que non sabías de onde viña. Todo o que facía era ela. Calquera cousa era ela. Ía por libre. Non lle importaban as tendencias nin as modas.
Unha das últimas cousas que vin de María Mazás era unha furna de metacrilato cun peixe de seda. Quedei alucinada. María plasmaba a creatividade en calquera cousa que facía. Xente así non existe porque a sociedade non a deixa existir. Vivir da arte é moi difícil pero ela sobreviviu con pouquísimo. O seu xardín e as plantas eran a súa vida. Baixo a sinxeleza hai un traballo tremendo de elaboración. Ela pensaba moitísimo. Facía todo ben, incluso cociñaba ben. María Mazás tiña unha gran personalidade. Mágoa que este tipo de persoas case non se vexan.
 
 
LUISA RAMOS (ceramista e amiga)

María era unha artista en toda a extensión da palabra. Pasa polo mundo esparexendo a súa maxia coa súa obra e a súa vida. Voando e arrastrándote ao seu paso.

Nos anos 80 as nosas vidas crúzanse; neste momento adícase ás artes escénicas; María bailarina, ao mesmo tempo que no seu taller traballa o cartón-pedra, facendo figuras aéreas, con corpo de bailarinas, cabeza de Pierrot e as para voar, e as súas famosas zapatillas de ballet, unha peza moi persoal.

Pero precisa voar, voar máis alto. O mundo que lle rodea limítaa e pésalle.  Vaise a Barcelona onde se enreda no mundo da acrobacia onde continúa as súas piruetas.  Cada vez máis lixeira salta e voa máis alto e explosiona en multitude de sombreiros belos, delicados coma flores, cunchas, tocados de fada. María sombreireira. María escultora decora as nosas cabezas e nos fai sentir especiais.

Recordo os seus talleres desta época como os máis fermosos.  Ao entrar neles transportábaste a un lugar fóra do mundo sen espazo nin tempo. Tiñan algo especial e vaporoso que te envolvía e non querías abandonar. Completamente máxicos.

Despois de todo isto, para non deixar de sorprendernos, colle os seus lapis e os seus pigmentos e enrédanos de novo levándonos a outro mundo, o da cor, as luces e as sombras. O da María pintora no que se desenvolve plenamente.

Traballa, traballa, traballa coma sempre fixo e deíxanos un enorme legado de debuxos, óleos, collages, bordados, esculturas, caligrafía, poemas. Un universo no que mostra todo o que ten dentro: a súa delicadeza, a súa elegancia, o seu misterio, o seu xenio.

E ao final dunha noite de lúa, vaise voando como veu e como viviu e déixanos esa pegada profunda como a que queda no barro dun camiño para a posteridade.

María Mazas

           Amiga

                 Compañeira

                                Mestra

             Para sempre na miña alma. 

FRANCISCO X. FERNÁNDEZ NAVAL (Narrador e poeta)

María Mazás foi coñecemento serodio, un agasallo do azar e da vida que chegou ata min unha tarde cálida de verán, da man das escumas que deitan sobre a area das praias as crebas oceánicas, vestixios dos bosques tropicais ou do norte, anacos de aparellos, mensaxes lanzadas ao mar por unha man que nunca estreitaremos.

Sucedeu na sala de exposicións da Casa Casares Quiroga na Coruña. Inaugurábase alí unha exposición que, coordinada por Maribel Longueira, convocaba a artistas que teñen as crebas como referencia na súa creación. María Mazás non expoñía, pero estaba. Presentounos un amigo común. Dende o principio pensei que o seu interior era sereno coma un lago profundo entre montañas.

Logo descubrín que María era muller de silencios, reservada e sensible. Do interior acuático e fértil nacía a súa voz grave, a súa ollada limpa, o seu sorriso cálido. Alentaba, nalgún recuncho dentro dela, un misterio que axiña se manifestaba en formas, nas cores e na expresividade dos seus cadros, no equilibrio das instalacións que construía a partir do baleiro das caixas, nos deseños dos seus sombreiros, que eran como bolboretas ou flores.

A miña ollada ábrese entre dous mares, díxome un día. O mar da alborada e o mar do solpor, o da luz primeira e o da sombra última. De oriente a occidente, do orto ao ocaso, os ollos de María contemplaban o mundo. O orbe todo latexaba no seu corazón. Velaí o sentido e o significado da exposición antolóxica que, por iniciativa de Mulleres en Acción, permaneceu aberta durante o verán, no auditorio de Cangas.

María Mazás foise de min, de nós, tan silenciosa e discreta como chegou, ave de paso, estraño estado de beleza, escribiu Eva Veiga no poema que lle dedicou.

 

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.