A Mostra e o Singlot avanzan na súa irmandade coa estrea conxunta de ‘La Gran Ofensa’
O ano pasado, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas e o Singlot Festival de Sant Feliu de Guíxols (Girona) uníronse en favor da defensa do humor e a liberdade creativa. Os festivais asinaron un manifesto conxunto para resaltar a importancia do humor como ferramenta capaz de “cruzar obstáculos e fronteiras, romper moldes e unir persoas, países e culturas”.
Froito da irmandade entre a MITCFC e o Singlot naceu o compromiso de partillar espectáculos xurdidos dos dous encontros. Este ano, ambos os dous festivais comparten a estrea da obra 'La gran ofensa', unha coprodución de La bendita compañía e El Terrat (Cataluña). Ademais, a programación das dúas mostras inclúe o espectáculo ‘Vacas, guerras, porcos e cregos’, da compañía galega Producións Teatrais Excéntricas.
‘La Gran Ofensa’ estrearase no Auditorio Municipal de Cangas o sábado 29 de xuño ás 22.30 horas. En Sant Feliu de Guíxols poderá verse o xoves 4 de xullo. A obra interpela ao espectador, preguntándolle se existen límites no humor. Hai que procesar a alguén por contar un chiste?, debemos censurar a comedia?, pódese facer humor de calquera tema? O espectáculo conta a historia de dous cómicos, demandados por un chiste, que buscan evitar o cárcere e o ataque da opinión da pública.
‘La Gran Ofensa’ foi presentada nas xornadas profesionais do Singlot Festival e foi seleccionado como Premio Terrat Novo Talento (Premi Terrat Nou Talent) como proposta de compañía emerxente.
Pola súa banda, ‘Vacas, guerras, porcos e cregos’ poderá verse na Mostra o martes 2 de xullo, ás 22.30 horas no Auditorio de Cangas, e no Singlot o sábado 6 de xullo. O actor, dramaturgo e director Quico Cadaval sube ao escenario para contar a historia dun antepasado, Xuán o Fino, un home bo coa familia, pacífico e bo veciño. Un personaxe carente de interese para o público, por estar exento de maldade. Mais observando o seu entorno, aparecen historias extraordinarias protagonizadas por personaxes menos virtuosos.
SINGLOT FESTIVAL
O Singlot Festival, que este ano celebra a súa quinta edición, é un festival creado e producido por El Terrat e TheProject dentro do Festival Porta Ferrada, que en 2019 chega á súa 57 edición. Singlot Festival é un selo de espectáculos de humor e entretemento dentro da programación xeral do Porta Ferrada, que inclúe todas as disciplinas artísticas, sendo a música un dos seus principais referentes.
Singlot é unha proposta artística que naceu en 2015 ideada polo seu director, o xornalista, presentador e humorista Andreu Buenafuente, co obxectivo de unir a espectadores e profesionais das artes escénicas en torno á comedia.