'Electra', da Compañía do Chapitô, Premio do Público 2019
O Premio do Público da XXXVI edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) recaeu na obra ‘Electra', da Compañía do Chapitô. O espectáculo, que recibiu un 4,77 sobre 5, foi representada pola compañía portuguesa o pasado xoves, 4 de xullo, no Auditorio de Cangas.
‘Electra’ recibiu ao finalizar unha grande e pechada ovación do público da MITCFC, que valorou a calidade interpretativa, orixinalidade e bo facer dos actores Jorge Cruz, Susana Nunes e Tiago Viegas.
A Companhia do Chapitô, con 36 creacións orixinais ás súas costas desde o ano 1996, explora o estilo da comedia visual e física que invita á imaxinación do público, recibiu numerosos premios recoñecidos en escenarios de todo o mundo.
‘Electra’, dirixida por Jose Carlos García e Cláudia Novóa, narra a historia da filla preferida do rei Agamenón, que consumará a vinganza polo asasinato do seu pai coa axuda do seu irmán Orestes, matando á súa propia nai e ao seu tío Existo, que usurpou a coroa. Todo este baño de sangue familiar cóntase co estilo cómico e inconfundible de Chapitô.
Aínda que o argumento parte deste episodio tráxico de vinganza, a compañía portuguesa elabora unha sofisticada parodia, un inxenioso espectáculo de actualización, coherencia estilística, traballo físico e concreción escénica. Para conseguir este resultado, só precisan catro intérpretes e unha escenografía a base de culleres para traer ata a actualidade o mito de Sófocles en clave humorística e, o máis importante, sen perder nada da súa natureza tráxica.
Chapitô comunícase principalmente a través do xesto e da imaxe, rompendo as barreiras lingüísticas e poñendo de relevo a súa vocación universal, o que lle permite manter unha relación moi próxima cos espectadores.
Electra recibiu o Premio do Público no Festival Quijote, de París, ademais de recibir a Mellor Valoración de Actores e Dramaturxia na Feira de Artes Escénicas de Castilla A Mancha.
A obra tamén foi a obra elixida polo público do Festival Fiot de Carballo, do Teatro Agosto (Festival de Fundao-Portutal) e da XVIII Feira de Teatro e Danza de Huesca.
Quico Cadaval e Generación Why
A segunda obra máis votada polo público foi ‘Vacas, guerras, porcos e cregos’, da compañía galega Producións Teatrais Excéntrias. Co dramaturgo e actor Quico Cadaval sobre o escenario, o monólogo foi puntuado polos espectadores cun 4,74 sobre 5, Cadaval, que este ano tamén fixo o pregón da 36 Mostra, actuou no Singlot Festival (dirixido por André Buenafuente) de Sant Feliu de Guíxols (Girona), en virtude da irmandade entre os dous festivais de humor.
‘Generación Why’, de Teatro en Vilo, foi a terceira obra máis votada polo público, cunha puntuación de 4,67 sobre 5. Nesta obra, tres actrices procedentes de España, Reino Unido e Italia, enfróntanse sobre o escenario a unha pregunta: Que queres para o teu futuro? O xogo de imaxinar futuros posibles (ou imposibles) convértese nunha invocación para desentrañar soños e expectativas.