Eterna gratitude, Celso Parada
Ás artes escénicas galegas, e do Morrazo en particular, vén de rompérsenos o corazón. Celso Parada, actor, director, empresario teatral e alma creativa de Teatro do Morcego, deixou hoxe este mundo para compartir nube na Historia con grandes artistas aos que admirou, como Daniel Castelao e Dario Fo, ou con outros cos que compartiu talento, escena e vida. Tres palabras golpean as nosas cabezas para definir a este xenial creador: XENEROSIDADE, AMOR e TALENTO.
XENEROSIDADE coa profesión, coas amizades, con esta Mostra, co país. Creando espectáculos de grandes elencos, difíciles de asumir para una compañía. Tratando e contratando sen tacha a todas as persoas que traballaron con Teatro do Morcego. Dignificando a profesión. Coidando aos seus artistas. Iluminando co seu incomparable sentido humor ensaios, camaríns e escenarios.
AMOR incondicional polo Teatro, por Galicia, polo Humor, polo Público… Pola persoa coa que compartiu o cen por cen do seu proxecto escénico e vital, Isabel Ávila.
TALENTO extraordinario como actor. Creador dun Teatro do Morcego con voz propia e inconfundible, un auténtico teatro popular que conxugou coa vangarda máis irreverente. E sempre, sempre, en conexión total co público. Ese público, e cada unha das persoas que conformamos esta Mostra, levaremos o teu legado no corazón, xa que temos ben gardados, nas nosas memorias, cada un dos miles de minutos de Teatro e Humor cos que ti, o gran Celso Parada, o noso Sito, agasalláchenos dentro e fóra da escena.
Eterna gratitude.