'The primitals', Premio do Público da XXXVII Mostra
O espectáculo 'The primitals', da compañía madrileña Yllana & Primital Brothers, gañou o Premio do Público desta XXXVII Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Este ano, de maneira excepcional e por razóns de seguridade pola pandemia da Covid-19, a votación non se fixo directamente en urna despois de cada obra, senón que elixiouse un comité integrado por representantes do Concello de Cangas, de asociación cultural Xiria, do equipo organizador da Mostra e do público.
Yllana é unha das compañías españolas con maior traxectoria no ámbito do teatro de humor xestual. Actualmente abarca dende a creación e produción dos seus propios espectáculos até a distribución, a dirección artística ou a xestión de espazos teatrais.
O espectáculo 'The primitals' espertou unha grande ovación do público o venres pola noite en Cangas, na que era a estrea da obra en Galicia. 'The primitals' é unha divertidísima comedia musical a capela que conta a historia de catro aboríxes dun planeta que podería ser o noso. Catro artistas que engaiolan e namoran coa música dos mil xéneros que absorberon nas súas viaxes polos confíns do espazo tempo. Chamanismo a catro voces. Traxicomedia a capela.
O espectáculo é unha hilarante comedia musical a capela, con dirección de Joe O’Curneen (Yllana), dirección musical de Santi Ibarretxe e protagonizada por catro aboríxenes: Íñigo García Sánchez, Pedro Herrero, Adri Soto e Manu Pilas.
Durante o espectáculo versionan 25 cancións coñecidas por todos a capela. Dende o tema principal de ‘Misión Imposible‘ a bandas sonoras de películas como ‘Indiana Jones‘, ‘Star Wars‘ e ‘E.T.‘, pasando pola cabeceira de ‘Xogo de Tronos‘ ou ‘Carmina Burana‘.
'The primitals' recibiu o 'Premio do público ao Mellor Espectáculo Musical' do Festival Off de Avignon (Francia) no ano 2019.