Loreto Blanco: "Xuntar o dixital e o pictórico atráeme moito. Son o complemento perfecto”
“Fun unha nena soñadora cunha grande capacidade de ensoñar mundos propios. Esa fuxida infantil do que consideraba un mundo hostil, difícil de comprender e complicado para vivir, levoume a conectar coa natureza, que sentía estaba sempre disposta, aberta, amorosa, acolledora, entretida, lúcida.”. Deste xeito se describe a si mesma Loreto Blanco Salgueiro (Moaña 1964), unha artista diferente. Doutora en Belas Artes e profesora de Pintura da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, esta canguesa de adopción inaugura hoxe a exposición ‘Cantos somos nun eu?’, que recolle un total de 29 das súas obras feitas entre os anos 2020 e 2021.
A exposición, que está dentro do programa de ‘Mulleres en Acción’, inclúe obras que mesturan óleo e impresión dixital sobre lenzo. Algunhas pequenas e outras de gran tamaño (1,60x1,15m). Estes cadros estarán expostos na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Cangas até o 10 de xullo.
Loreto Blanco fala do que a xente se vai atopar cando visite a exposición: “Van ver retratos de seres da natureza, de conciencias do universo que os miran directamente aos ollos interrogándolles sobre si mesmos”. A artista explica que cada retrato é “o espello dun mesmo. Podémonos sentir reflectidos en cada un deles”. Cada unha das pinturas está acompañada dun texto, “unha reflexión que invita a unha viaxe interior de auto coñecemento e descubrimento dun mesmo”.
Esta veciña do Morrazo lembra como foi evolucionando o seu estilo. Cando comezou a pintar, despois de finalizar os estudos en Bilbao, “pintaba cadros sobre óleo. Pouco a pouco empecei a incorporar a tecnoloxía. Os pinceis dixitais”. Engade que busca “efectos plásticos”.
Blanco Salgueiro sinala o seu gran interese pola “hibridación dos medios”. Afirma que as disciplinas xa deixaron de ser tan estritas. “Hai influenzas da pintura no cine, no teatro,… Ese aspecto de xuntar o dixital e o pictórico atráeme moito. Son o complemento perfecto”.
Preguntada sobre se a pandemia pola Covid-19 está presente dalgún xeito na exposición, Loreto Blanco que comenta que unicamente afectou “na intensidade, porque puiden dedicarlle moito máis tempo do normal”. A artista considera que a pandemia, como calquera outra crise, “trae a oportunidade de avanzar e os retratos que traio falan das posibilidades de cambio.” Blanco Salgueiro destaca o papel da arte con fins “terapéuticos e sanadores”.
O feito de expoñer en Cangas, é para Loreto Blanco “un regalo porque levaba uns meses pensando en que quería facelo na miña terra”. E aproveitará para dedicarlle a exposición “aos meus antepasados e á miña familia”.
O acto de inauguración da exposición estará precedido pola presentación do seu libro ‘Te miro y no te veo’, unha autoedición da propia Loreto Blanco que nace a raíz dunha exposición que a artista fixo no Museo Eugenio Granell de Santiago de Compostela.