'Vanitas': Arte con libros intervidos

María X Fernández non dubidou en dicir que si cando foi invitada a expoñer en Cangas, “aínda que a liña de traballo coa que estou traballando ultimamente, a guerra, semella non encaixar moito nunha mostra cómica e festiva”, explica con humor a propia artista. ‘Vanitas’ é o título da exposición que se poderá visitar até o 15 de xullo no salón de exposicións do Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela.

A artista fixo a súa primeira exposición con só 21 anos. Foi unha recompilación de debuxos que estiveron expostos nun local de Santiago de Compostela. Aínda que por aquel entón non había estudos superiores de Belas Artes, sempre tivo moi clara cal era a súa verdadeira paixón. “Tiven vocación artística desde moi cedo”.   

Nos seus comezos houbo de compatibilizar a súa vocación coa docencia, a ilustración e o deseño, “movéndome sempre no eido artístico”. Desde hai máis de dez anos, María X Fernández dedícase de forma exclusiva ao seu traballo como artista, tendo na actualidade obras expostas en exposicións simultáneas en cinco países: Italia, Reino Unido, Portugal e España. Hai un par de semanas a artista recibiu un premio ‘Cultivacultura’ da Deputación de Pontevedra.

LIBROS E ENCICLOPEDIAS

O núcleo da mostra que podemos ver en Cangas está constituído por traballos realizados con libros e enciclopedias nos que as intervencións se desenvolven en diálogo cos textos e as imaxes. É importante destacar que practicamente toda a exposición está realizada con material de reciclaxe xa que, segundo a artista, “para min é clave minimizar a pegada ecolóxica do meu traballo”. Entre as pezas que compoñen a exposición, atopamos unha titulada “ESO”, feita con libros de texto e que fala do sistema educativo.

O título ‘Vanitas’ fai referencia a un xénero moi utilizado no Barroco “que falaba da morte e da vida”, explica Fernández. “Era o recordo de que a morte sempre está presente”, engade. Aínda que non quere que a exposición sexa negativa, o certo é que “o tema da guerra paréceme tan incrible e forte que me ten moi preocupada”. “Non entendo que aínda haxa xente que xustifica isto. Como se esta fose a vía para arranxar as cousas”, engade. María X Fernández leva xa algún tempo investigando sobre a violencia. “Interésame o tema desde un punto de vista psicolóxico e sociolóxico”, explica.

A artista revélanos como comezou a facer o que ela chama “libro intervido”. Segundo nos conta, un editor de Vigo tiña por costume “mal pagar” aos artistas agasallando con caixas de libros en vez de pagar con cartos os traballos. María X recibiu un destes regalos e a caixa chea de libros quedou na súa biblioteca. “Ver aquilo non me gustaba nada porque me traía malos recordos, así que un día empecei a intervir con eles”, explica. Deste xeito, comezou a facer a serie “Sant Jordi”, que no seu conxunto amosa unha sátira das tradicións sexistas, achegándonos á súa busca persoal do esencial a través do obxecto artístico. “Eran libros-flor porque aínda que a tradición me parecía fermosa, tiña un forte matiz sexista que regalaran flores ás mulleres e libros aos homes”, comenta. A partir desa serie continuou facendo intervencións con libros de texto xa en desuso, con algúns que tiña repetidos “ou que sabía que non ía volver a ler”. Ademais de libros, tamén traballa con “enciclopedias que ninguén quere e a xente non sabe que facer con elas”.

Na mostra hai unha peza que é clave. Ao entrar no sala de exposicións, atopamos unha sombra proxectada nun papel. A propia María X Fernández explica que se trata “dunha especie de cápsula de papel e a sombra que proxecta semella unha criatura estraña que só se pode ver a través do buraco da propia estrutura”. A peza ten dúas interpretacións diferentes. Por unha banda, fala da guerra, “da avaricia humana como fonte do mal”. Pero tamén fala dos misterios que encerra a humanidade, unha especia de homenaxe ao misterio matemático do universo. Esta peza foi feita especificamente para ese espazo do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela.

A peza que ilustra o cartel da exposición acaba de ser preseleccionada para o premio Isaac Díaz Pardo da Deputación da Coruña. A peza chámase ‘Historioporosis’ e está formada por páxinas dunha enciclopedia de Historia.

Nunha fase anterior, María X Fernández traballou cunha colección de fotografías escolares de posguerra que atopou en Ourense. “Gustábame moito porque a pegada da guerra notábase nas súas caras. Eran rapaces tristes, con resentimento”, conta. O proxecto titulouno ‘Proxecto Río’. O título alude a un río, “sempre cambiante sen deixar de ser o mesmo, metáfora dunha humanidade en tránsito, que flúe mesturándose a todos os niveis: xenético, cultural, social e humano”. Esta exposición é unha homenaxe á xeración que creceu na dureza da posguerra. “Agora temos outra guerra na cabeza e seguimos preguntándonos por que que os narcisistas psicópatas dirixen a sociedade”, comenta a artista, en referencia á guerra de Rusia contra Ucraína.

María X Fernández mostrase moi contenta pola fenomenal acollida que está tendo a exposición ‘Vanitas’ en Cangas. “De todas as exposicións que fago, esta é a que está tendo mellor acollida”. afirma. “Alégrome moito porque hai incluso xente de máis de 80 anos que entende o que está a ver e lle gusta. Noutras exposicións non resultaba tan fácil”, conclúe.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.