HENRIQUE HARGUINDEY BANET: Ética e estética na vida, na política e na cultura.
Hoxe perdemos a Henrique Harguindey Banet, o compañeiro, o amigo, o activista e defensor da língua e a cultura, a persoa xenerosa, sempre pronta a esclarecer dúbidas linguísticas ou aportar datos inéditos, a traducir complexos textos dramáticos para compañías profesionais e amadoras, o ser de luz que namorou de Cangas a onde chegou cunha importante bagaxe política e cultural desenvolvida nos estertores da dictadura. Deulle moito a esta vila, sendo unha das persoas impulsoras da Asociación Cultural Xiria e da Mostra de Teatro de Cangas, na que traballou arreo e con xiria, xunto ao amor da súa vida, Maruxa Barrio, a súa Muxica Leda, a nosa Simone Signoret.
Tradutor exquisito, valorado e premiado, discreto e humilde até o patolóxico, Henrique Harguindey Banet deixa orfas a Cangas e a Galicia, orfas da súa bondadosa persoa pero herdeiras dun excepcional legado lingüístico, intelectual, cultural e social, un legado radicalmente ético, todo un patrimonio a conservar e difundir. Esa é a partir de hoxe a nosa misión. Ata sempre, amigo.