Skip to main content

Forte aposta da Mostra polas coproducións con compañías de teatro galegas na 42 edición

Entre os días 22 de xuño e o 6 de xullo celebrarase en Cangas a 42 Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo. Ao longo de 15 días, a MITCFC acollerá 26 espectáculos, repartidos en cinco escenarios, incluíndo o Auditorio Municipal para as obras nocturnas. Nesta 42 edición contaremos con 5 coproducións, 8 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia, espectáculos que van desde a danza, a performance e o teatro máis contemporáneo e innovador, até o teatro de rúa e o máis clásico e popular. Este ano, a organización elaborou un programa que abondase nas coproducións, “nun apoio firme ao tecido teatral galego, ás novas compañías e a creadoras e creadores de todas as xeracións”, tal e como sinalou a directora da Mostra, María Armesto.

O deputado de Cultura, Jorge Cubela, mostrou o compromiso da Deputación de Pontevedra coa Mostra, “un evento que marca a axenda cultural estival na provincia”. Tamén quixo destacar a importancia deste evento porque “axuda a descentralizar a cultura” ao permitir que os espectáculos se programen máis aló das grandes cidades. “A cultura é importante para mellorar a calidade de vida dos cidadáns e a economía local”, afirmou Cubela, quen engadiu que durante os 15 días da Mostra, “a elite cultural do país e do estado vai estar en Cangas”.

Na presentación tamén estivo o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Agadic, quen afirmou que a MITCFC “é unha mostra diferente porque está baseada no mundo da comedia e na festa”. Jacobo Sutil destacou que este tipo de eventos son moi importantes non só pola programación de espectáculos, senón pola “transmisión dos valores de igualdade, inclusividade e por traballar a prol do acceso de todas as persoas á cultura”.

Pola súa banda, a alcaldesa de Cangas, Araceli Xestido, destacou que a XLII Mostra “vai ser unha edición grandiosa que nos vai permitir revalidar o título de campións do teatro”. A rexidora lembrou que “cada ano existen máis incentivos para vir á Mostra”.

En canto á programación, subliñar que varias das coproducións son estreas absolutas, entre as que destacan: ‘O espírito de Vania’, un espectáculo creado a partir da peza do dramaturgo ruso Antón Chékjov, no que Machi Salgado desenvolverá diversos roles para conectar o espírito de Vania coas inquedanzas da sociedade galega e o mundo actual. Outro das estreas que coproduce a Mostra é ‘A beleza faranos libres’, espectáculo que fusiona teatro e cinema para falar do amor á terra, á maxia dos montes e da beleza como horizonte para fuxir da voracidade do extractivismo. Destacar tamén ‘Coa cabeza nas nubes’, un espectáculo da compañía SÖA que fusiona música, danza e teatro. Tamén se poderá ver en cangas ‘Gala’, da compañía de novo circo do País Vasco Rojo Telón, unha das pioneiras formada por mulleres que celebran o seu décimo aniversario.

En canto ás estreas en Galicia, a MITCFC presentará, entre outros espectáculos, ‘La reina brava’, o último traballo da compañía andaluza, Las Niñas de Cádiz. Ademais, a compañía La Zaranda volve a Cangas co espectáculo ‘Todos los ángeles alzaron el vuelo’, recentemente estreado e cunhas críticas extraordinarias. A Mostra tamén presentará en Galicia ‘Julio César’ do Teatro do Chapitô, despois de acadar un éxito internacional rotundo.

Ademais, coincidindo coa celebración dos 25 anos de Mulleres en Acción, a Mostra presentará por primeira vez en Galicia a performance colectiva ‘Se nota, se siente, el beige es incluyente’, pilotada por MISS BEIGE, o xenial alter ego da actriz e performer, Ana Esmith. Gozaremos, tamén, do multipremiado espectáculo de teatro físico, ‘Lubbert’, do artista catalán Inda Pereda, que leva anos percorrendo o mundo cun éxito absoluto de crítica e público.

Na 42 MITCFC tamén se inclúe unha homenaxe ao recentemente falecido, Henrique Harguindey, profesor, tradutor e un dos fundadores da MITCFC, programando o espectáculo ‘As gardías ou o nó do tecelán’, de Nasser Djemaï, cuxa tradución do francés ao galego é o derradeiro traballo de Harguindey.

25 ANOS DE MULLERES EN ACCIÓN

Aproveitando o seu 25 aniversario, Mulleres en Acción vai facerse eco da decisión da Real Academia Galega de dedicar As Letras Galegas ás cantareiras e pandeireteiras, cunha programación especial. Por unha banda, o pregón da 42 MITCFC correrá a cargo das Fillas Bravas, esas tres cantareiras e pandeireteiras empoderadas saídas do Grupo Chévere. O pregón será traducido á linguaxe de signos. Ademais, Mercedes Peón interpretará ‘Ósmose’, unha proposta musical, performativa e audiovisual na que a internacional artista crea un diálogo colectivo, con imaxes do seu arquivo persoal, co traballo visual de Peque Varela, o relato fílmico da película Nación de Margarita Ledo Andión, e a arquitectura lumínica de Laura Iturralde. Asi mesmo, as voces e pandeiretas das pandeireteiras do Morrazo invadirán as rúas de Cangas para difundir a riqueza que nos legaron e amosar que hai relevo xeracional.

A Mostra sigue apostando pola dramaturxia co xa consolidado e popular ‘Torneo de Dramaturxia de Galicia’, que este ano chega á súa novena edición. Ademais, celebrarase un encontro de representantes de asociacións de dramaturgas/os de Baleares, Cataluña, Galicia, Madrid, Murcia e Valencia que van presentar o ‘Manual de prácticas na dramaturxia e nas artes escénicas’, un documento elaborado conxuntamente.

PREMIOS

Como cada ano, a MITCFC concede dous galardóns. O Premio Xiria ao Labor Teatral desta 42 edición é para a Compañía de Teatro A Panadaría, en recoñecemento “ao seu talentoso labor en ‘amasar’ un teatro innovador e esixente”. A organización destaca o traballo que Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, as tres almas máter da compañía, adoitan crear cunha excelente acción física e verbal. Tamén salienta as temáticas actuais das súas obras, “un teatro que denuncia sen vitimizar, a través da comedia, ese xénero aínda desvalorizado do que poucas creadoras son protagonistas”.

Por outra banda, o Premio Mulleres en Acción 2025 recae en Mercedes Peón, pola súa “extraordinaria traxectoria profesional, artística, pedagóxica, de investigación e social”. Compositora, instrumentista e cantora de creatividade excepcional, Peón comezou hai xa 25 anos a realizar un formidable labor de investigación e divulgación que visibilizou ás pandeireteiras, mulleres esenciais no desenvolvemento da riqueza musical e cultural do país.

Mercedes Peón, ademais, é impulsora do proxecto Somos Pandeireteiras que naceu coa firme intención de mover os marcos de pensamento androcéntrico e de crear un espazo diáfano para poñer no centro ás tocadoras e así crear os seus propios relatos, sen mediacións externas.

ABONOS

Entre o 10 de maio e o 31 de xuño estarán á venda os abonos para asistir ás funcións que este ano serán representadas no Auditorio. O 2 de xuño xa estarán dispoñibles a través da plataforma de A Taquilla as entradas individuais. Ademais, a billeteira do propio Auditorio estará aberta os días de función desde dúas horas antes de comezar o espectáculo.

O importe do abono para as 10 obras que serán representadas no Auditorio é de 80€, o que supón unha rebaixa de 15€ con respecto ao prezo de todas as entradas mercadas de xeito individual (10€ cada unha).

FaLang translation system by Faboba