Destacados XXXIVMITCFC

Nacidas libres

MITCFCangas/Contraproducións

(Galicia)

A Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas abrirá a súa XXXIV edición no Auditorio Municipal da localidade morracense coa representación en ESTREA ABSOLUTA DE NACIDAS LIBRES, O  VENRES 30 DE XUÑO. Trátase dunha coprodución entre a propia Mostra Internacional e a compañía Contraproducións. Con Candido Pazó como autor e director e Carmen Pichel na produción, ‘Nacidas libres’ conta a historia de catro mulleres sometidas ao paso inevitábel do tempo e ao risco de desaparecer do mundo do espectáculo. Fartas de non recibir ofertas de traballo deciden autoempregarse e montar unha peza en por elas. Fabrican mesmo o propio texto a representar partindo dunha nova dos xornais: “A policía rescata tres monxas indias retidas contra a súa vontade nun convento de clausura de Santiago”.  

  

Río Bravo

Chévere

(Galicia)

A finais de xuño de 1987 Chévere actuaba por primeira vez en público, na Praza dos Bombeiros de Santiago de Compostela. Trinta anos despois daquela noite de verán a compañía está vivindo un dos seus mellores momentos artísticos e profesionais: Premio da Crítica de Galicia 2011; Premio de honra na MIT de Ribadavia en 2012; Premios María Casares ao Mellor Espectáculo en 2012, 2014 e 2017; e Premio Nacional de Teatro 2014, converténdose na primeira compañía galega con este recoñecemento. Para celebrar este ‘30 Aniversario Chévere’, a compañía galega agasalla ao público cunha revisitada versión de Río Bravo, unha das súas máis míticas postas en escena, que se poderá ver en ESTREA ABSOLUTA NA  XXXIVMITCFC O SÁBADO 1 DE XULLO.

La Extinta Poética

Nueve de Nueve/La Zaranda

(Aragón/Andalucía)

Espectáculo multidisciplinar da compañía Nueve de Nueve coa dirección de Paco de La Zaranda e o texto orixinal de Eusebio Calonge. Tras un proceso de busca e creación de arredor de dous anos La Extinta Poética foi estreada en setembro do pasado 2016 en Zaragoza e pretende dar resposta a unha pregunta de presunta sinxeleza.

Que fai Ofelia na nosa época?. Dos estimulantes aos tranquilizantes, da velocidade aos somníferos, das pílulas para a potencia sexual ás anticonceptivas. Entre a futilidade dos desexos e traxedias mesquiñas dunha familia, na súa cotidianidade crebada, un ser desvalido sinte o grande impulso, vital, esencial da arte. Un canto de cisne, unhas flores lanzadas ao río, a fraxilidade da beleza ameazada, que se poderá ver na súa ESTREA EN GALICIA NA XXXIVMITCFC O DOMINGO 2 DE XULLO.

Encore une heure si courte

Théâtre du Mouvement/La Mecánica

(Francia/Illes Balears)

De tres caixas xorden tres homes, curmáns remotos de Beckett, Tati e Buster Keaton. A súa insólita xestualidade bascula entre o virtuosismo refinado do movemento e a acrobacia, expresándose cunha linguaxe estraña, imaxinaria, musical e poética.

Théâtre du Mouvement, fundada en 1975 e codirixida por Claire Heggen e Yves Marc, aportan a ‘Encore une heure si courte’ o seu concepto da arte do actor e do mimo contemporáneo. Teatralidade do movemento e do xesto. Como complemento, os baleares de La Mecánica, compañía de artes escénicas con base en Mallorca, traballan o teatro visual e corporal en todas as formas. E ambos grupos acaban fusionando na obra os seus criterios na representación de tres seres que exploran unha contorna vital descoñecida e hostil; unha viaxe improbábel coa axuda dun plano incerto que se poderá ver en ESTREA EN GALICIA NA XXXIVMITCFC O XOVES 6 DE XULLO.

Emilia

Teatro del Barrio

(Madrid)

Emilia é Emilia Pardo Bazán. A muller que, nas postremeiras do século XIX, empéñase en ser ela mesma, e dicir, conducirse fiel aos seus desexos e vontade de escribir e participar na vida pública. Emilia intenta ingresar na Real Academia de la la Lengua, sen éxito. A súa insistencia custoulle a reprobación de moitos dos seus contemporáneos, mesmo despois de ter conseguido a admiración dalgúns outros.

O personaxe da Pardo Bazán responde á vontade coa que se abríu o Teatro del Barrio, a compañía que trae ‘Emilia’ a Cangas nunha ESTREA EN GALICIA NA XXXIV MITCFC O VENRES 7 DE XULLO; unha vontade abertamente política, de participación no movemento cidadá que xa está construíndo outro xeito de convivencia. O teatro que nace da fame de realidade. A realidade que, por terrible que sexa, pode transformarse.

La Sección

A tiro hecho

(Valencia)

‘A tiro hecho’, o proxecto escénico de Carla Chillida e Elías Taño, que se define como ‘teatro físico’ e político, trae á MITCF de Cangas o espectáculo revelador de ‘La Sección’: ESTREA EN GALICIA NA XXXIVMITCFC O SÁBADO 8 DE XULLO.

Fronte á visión puramente androcéntrica que se nos transmitiu sobre a guerra e posterior ditadura, ‘La Sección’ presenta aspectos de importancia capital no devir das vidas de tantas mulleres que foron marcadas por imposicións educativas, políticas, relixiosas e de xénero con profunda pegada na sociedade española actual. As figuras determinantes de Pilar Primo de Rivera, Mercedes Sanz-Bachiller e Carmen Polo de Franco, e a evolución histórica da Sección Femenina sometidas ao poder esculcador do teatro. Con maiúsculas.

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.