Skip to main content

Máquinas, louza, terra, metal [CRÍTICA DE OSMOSE]

  • Ana Abad de Larriva
  • Noticias

Tras recibir o Premio Mulleres en Acción no acto inaugural no acto inaugural da MITCFC, a cantante, instrumentista e compositora galega Mercedes Peón presentou o xoves o proxecto multidisciplinar Osmose, que combina a súa música e son coa creación visual de Peque Varela (quen tamén asumiu a dirección escénica do traballo), a construción do espazo luminoso de Laura Iturralde e proxeccións audiovisuais, nun traballo de corte performativo. Demarca o espazo unha membrana semipermeable, un velo que nos separa. A auga pasa a través dela para equilibrar escena e patio de butacas e cae sobre nós. Pero non coma o orballo, senón como unha fervenza que golpea, con proxectís de auga de lata. Impactan sonoramente na superficie do corpo, nos ouvidos e no corazón; con escintileos que alumean e cegan. Unha fábrica. Moitas fábricas. Máquinas, louza, terra, metal. 

Vese proxectada e escóitase unha filmación caseira do arquivo da propia Mercedes Peón onde varias veciñas e veciños cantan e bailan, e despois fragmentos do documental Nación, de Margarita Ledo Andión, que van decorrendo ante ou cara aos nosos ollos... Traballadoras da fábrica de Pontesa, traballadoras de conserveiras, mulleres das Encrobas... Corpos e voces que cosen un relato de valentía, reivindicación e resistencia e que se alternan tamén con formas e figuras híbridas, como as de coellos con corpos humanos que camiñan como autómatas.

É a membrana semipermeable a que acolle esas proxeccións, mantendo a Mercedes e a Laura do outro lado e servindo de veo, que deixa ver e oculta, en función dos xogos de luces, o que hai alén dela, xerando fermosos xogos de duplicidades: a silueta de Mercedes canda o vídeo, ela esbozada detrás da tea; a súa figura opaca que medra ata facerse xigante antes de amosarnos con maior claridade a demiúrga, a alquimista que argalla un espazo sonoro complexo e cambiante. A súa voz potente, que atrapa, está amplificada, percutindo nos ouvidos, e, mesmo así, cuberta polo resto da música e do son. 

Eu quero deixarme arrolar por ela; cantar esas cancións que coñezo. Quero escoitar esas mulleres valentes que falan na pantalla, pero sinto a violencia e a angustia do son, moi alto, que me fai cubrir os ouvidos, e desas vibracións que me invaden o corpo sen que poida evitalo, provocándome por veces o impulso de fuxir. A creación visual, en ocasións, tamén xera abafo, ao igual que nalgúns momentos o fai o xogo de luces, cando nos apunta aos ollos e nos cega. 

Queren levarnos ao ambiente das factorías, que sintamos o peso, o empurre do capitalismo, o seu impacto nos corpos, leve a quen leve por diante? A escoitar o ruído enxordecedor dunha máquina que non para, que non pode parar, que di que non se pode permitir parar? Metal, louza, máquinas, terra. Siluetas, sombras. No patio de butacas silencio. O corpo ancorado ata que o barco atraca. Entón, aplausos, persoas que se poñen en pé e Mercedes, que camiña alén da membrana e se mergulla no patio de butacas, poñendo fin á osmose.  

FaLang translation system by Faboba