Skip to main content

A rapa e as bestas [CRÍTICA DE "MELÓN PELADO"]

  • Ana Abad de Larriva
  • Noticias

Que supón para unha muller a melena? E que leva consigo rapar o cabelo, para unha mesma e en relación a como unha é vista pola sociedade? Son estas algunhas das preguntas coas que arranca "Melón pelado", da compañía ButacaZero, con dramaturxia de Esther F. Carrodeguas e dirección de Xavier Castiñeira, que tivo a súa estrea galega na Capela do Hospital de Cangas, dentro da MITCFC. 

Dende esas preguntas, respondidas a partir da escolma de declaracións públicas de diferentes artistas coñecidas que decidiron, de maneira puntual ou definitiva, rapar o cabelo, as actrices (Nuria Gullón e Cris Collazo) lévannos a outras preguntas e outro escenario: ao de que supón para unha muller ser rapada en contra da súa vontade, e ser rapada a propósito dun xeito grotesco, que mesmo incorpore outras marcas, como castigo e para ser sinalada e que outras mulleres vexan o que lles pode pasar.

As dúas actrices preséntansenos na sinopse como dúas manipuladoras de monicreques. Porén, non é a técnica de manipulación de bonecas o que destaca na peza, senón a propia forza destas en si mesmas, de como se nos presentan, do que representan, do que ilustran e do que evocan, como portas á realidade á que nos queren levar; así como o texto e as dúas actrices, que nos van facendo imaxinar o que nos contan, ao tempo que nolo van ilustrando ás veces, nun simulacro que quizais teña máis potencia que se nos fose representado directamente, porque a metateatralidade neste espectáculo que á súa vez nos describe outro macabro e esperpéntico espectáculo, o da exhibición pública das mulleres rapadas (e “purgadas”, tatuadas, torturadas...) na guerra civil (con alusións tamén ás mulleres rapadas na Segunda Guerra Mundial), é a que lle dá unha gran forza. A dureza do que se nos narra e o equilibro entre os datos e as explicacións, os matices interpretativos de Nuria e o contrapunto dramático de Cris, nun xogo continuo entre o distanciamento e o achegamento, grazas tamén aos efectos sonoros e musicais, fan que a peza nos toque, nos remova.

Trátase, xa que logo, dunha proposta escénica cun certo carácter postespectacular que adquire a tintura de conferencia performativa, sen deixar de ser unha peza de teatro. O ton no que nos falan e os recursos dramáticos que empregan non son asépticos; vannos percutindo. Hai un momento en que o ritmo se pausa, cando nos din os nomes de mulleres que foron rapadas. Non empregan elementos espectaculares para presentalos e a acumulación dos nomes desas mulleres e as historias que os acompañan (moitas delas non foron só rapadas como xeito de castigo e humillación) abafa, incomoda. Mais só tentar imaxinar o que elas viviron e sentiron transmite un acoro moitísimo maior.

Ao remate temos a posibilidade de achegarnos a ver de preto o pequeno dispositivo escénico, cos materiais que foron empregando e nos foron amosando, e facelo e observar a imaxe que nos dan para que levemos xera un desacougo maior. Fai máis tanxible o que ao longo da peza nos fora tanguendo, impulsando que o levemos connosco logo de saír da función.

FaLang translation system by Faboba