Noemí Rodríguez impartirá o Obradoiro de Interpretación e Creación 'Fai o teu'
A directora de escena, dramaturga, intérprete e pedagoga Noemí Rodríguez impartirá o Obradoiro de Interpretación e Creación 'Fai o teu'. A actividade, organizada pola Mostra, en colaboración coa Asociacion de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) vai dirixido a actrices, actores, directores/as, dramaturgos/as e estudantes de artes escénicas.
Trátase dun obradoiro sobre o propio proceso de creación onde tratar de buscar e localizar aquilo que inspira e forma parte esencial do universo creativo único de cada participante.
O obradoiro vaise celebrar en horario de mañá entre os días 25 e 28 de xuño. A convocatoria para inscribirse farase pública na primeira semana do mes de xuño.
Noemí Rodríguez é directora de escena, dramaturga, intérprete, pedagoga e asesora de procesos creativos. Premio 'Ojo Crítico de Teatro 2019' pola súa traxectoria en 'Teatro en Vilo', está considerada unha das creadoras máis interesantes do panorama teatral contemporáneo.
NOEMÍ RODRÍGUEZ
Rodríguez formouse na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD), realizou un máster en Artes Escénicas na Universidade de Vigo e un curso de posgrao na London International School of Performing Arts grazas ao Programa de Bolsas no Estranxeiro da Fundación Barrié de la Maza. Ademais, impartiu obradoiros de dramaturxia, storytelling, creación teatral, teatro xestual, creación colectiva e improvisación en institucións públicas e privadas de Francia, Italia, Chipre, Reino Unido, India e España dirixidos tanto a profesionais das artes escénicas como á nenas/os, a persoas adultas e a colectivos en risco de exclusión social. Foi coordinadora do Club de Lectura do Centro Dramático Nacional (2023/2024) e profesora especialista da Real Escola Superior de Arte Dramática (2024/2025).
Como directora de escena e dramaturga, Noemí Rodríguez traballou en numerosas institucións de prestixio. Entre as súas obras destacan 'Blast', 'La Distancia' e 'Man Up', producidas polo Centro Dramático Nacional; 'Terceiro Acto', producida polo Centro Dramático Galego; e as multipremiadas 'Interrupted', 'Generación Why' e 'Hoy Puede Ser Mi Gran Noche', producidas por Teatro En Vilo. Tamén dirixiu e escribiu 'Malena, llena eres de gracia', 'Locxs de Amor' (Art For Change La Caixa), 'Miss Mara, quien se reserva no es artista' (Circo Price) e 'Escenarios de Chamberí', en colaboración co Teatro de la Abadía.