Avelina Pérez gaña o Iº Torneo de Dramaturxia de Galicia
Con Esther Carrodeguas como mestra de cerimonias, o primeiro torneo de dramaturxia que se celebra en Galicia puxo en competición seis textos doutros tantos autores galegos para que fose o público asistente ao evento, na canguesa Salasón, o que determinara co seu voto o vencedor. Noelia Toledano, Avelina Pérez, Alfonso Becerra de Becerreá, Roi Vidal Ponte, Carlo Labraña e Julio Fernández presentaron cadanseu texto sen que o público soubese da autoría concreta no momento de ser representados por un feixe de actrices e actores galegos.
Celso Parada, Adrián Ríos, Ze Paredes, Sonia Rúa, Mónica Camaño, Lois Soaxe, Antía Costas, María Salgueiro, Pepa Barreiro, Casilda Alfaro, Xoel Álvarez e Celina Fernández foron os intérpretes encargados de poñer en escena os distintos textos en competición. Tras a representación, e unha vez recontados os votos dos afeccionados presentes, resultou gañador o texto “Os arroaces son animais sucios e desesperados”, escrito por Avelina Pérez e posto en escena por María Salgueiro e Lois Soaxe.
Este Primeiro Torneo de Dramaturxia de Galicia, organizado pola MITCF de Cangas en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia, DramaturGA, foi un completo éxito de público e puxo en valor o alto nivel das dramaturgas e dramaturgos galegos nun formato de ‘combate de textos’ que ofrece o aliciente de converterse, en por el mesmo, nun auténtico espectáculo teatral, divertido e único. Unha pelexa a tumba aberta con retruques de palabra, ideas, ritmos, conflitos, acción, silencios e sorpresas orientados a convencer aos espectadores que seguen en vivo as distintas representacións e acaban decidido co seu voto o texto gañador, o autor campión ou campioa.