• Clara Castilla
Crítica de Ana Abad de Larriva

Soltar lastre para poder voar. A 39ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, acolleu a estrea de Paxaros no cabo, de Pistacatro, coproducida coa propia mostra e dirixida por Clara Gayo. É unha peza que combina malabares con danza vertical, funambulismo, danza, proxeccións e música en directo, e que anima a deixar atrás o que nos pesa para poder sermos libres. Amosouse no pavillón municipal de Romarigo e é unha mágoa que a disposición e distribución das cadeiras postas para a función dificultasen a visión e afectasen á recepción do que acontecía no chan ou a baixa altura.

Un dos puntos fortes do traballo é a integración da danza vertical, unha disciplina que aínda se está a facer oco en Galicia. Hai momentos de gran beleza, como o que crea Mercè Solé abaneándose no ar, dando voltas e reviravoltas e servindo de trapecio a Aitor Garuz. Parece unha fada dos bosques e a súa sombra proxectada contra un fondo vexetal, bailando e camiñando no ar, xera unha duplicidade máxica, grazas á iluminación de Baltasar Patiño, creando unha estampa tenra e onírica.

O traballo aborda os contrastes entre a liberdade da natureza fronte á opresión da cidade, entre a apertura e o peche, remitindo tamén aos meses do confinamento. Colle o foco Paula Quintas, bailando esa opresión, relacionándose fisicamente cunha butaca e cunha das barras do andamio, dentro dun cubículo. Tamén atrapan a ollada Raquel Oitavén e Mercè cando crean un trapecio e xeran un interesante xogo de equilibrios que destila precisión e delicadeza..., ou os malabares de Aitor e a música que xera Nacho Muñoz en relación co bater das pelotas no chan, ao igual que a maxia cando Paula camiña en equilibrio sobre unha barra. As proxeccións de Marta Valverde marcan os cadros nos que se divide a peza e teñen un ton poético que completa a posta en escena e que lle outorga outra fondura ao espazo do pavillón. Porén, algunhas das coreografías corais e proxeccións descolocan ao incluír elementos que baten co ton máis poético do resto da peza, ao igual que a canción arredor de soltar lastre, e o personaxe de Hermes, que chega para traer unha mensaxe ao público, tamén perde forza por momentos. Outra escolla que resulta interesante é como se amosa o artificio, a construción dos aparellos, mesmo ao final, nesa duplicidade do guindastre sobre o que se pousan os paxaros. É, xa que logo, unha peza con momentos de gran beleza e unha poética moi interesante, máis aló de que haxa algún elemento que quede un pouco no ar.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Pavillón Municipal de Romarigo. 1 de xuño de 2022

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.