'Pas de deux' [Losdedae]: Unha danza a tres
Crítica de Ana Abad de Larriva
Un paso de dous diferente que convida o público a unirse á danza. Pas de deux, de Losdedae, que se puido ver na 39ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, une en escena a Miss Beige (personaxe performativa creada pola actriz Ana Esmith) co bailarín Chevi Muraday, Premio Nacional de Danza en 2006. Na peza prodúcese un interesante diálogo entre as dúas disciplinas, a performance e a danza, no que contrastan o hieratismo de Miss Beige e o continuo e intenso movemento ondulante de Muraday; o silencio dela, coas pequenas intervencións orais del; o “Centro di gravità permanente” de Franco Battiato coa música de Tchaikovsky; o recoñecible vestiario clásico dela (vestido beixe, zapatos con lixeiro tacón e un bolso cun martelo dentro) fronte á roupa máis informal del, que nun momento chega a quitar.
Hai comicidade contida nos contrastes, no xogo escénico que desenvolven fisicamente, por contraposición, cos seus corpos, cos seus movementos, coas súas accións; na propia parodia, dende o silencio e dende o asombro, burlando a expectativa. Agradécese a capacidade dos dous para manterse nos seus mundos e, ao mesmo tempo, ser quen de dialogar co outro, enriquecéndose e habitando a proposta. Vese como el entra no código performativo e como a danza a vai abrandando a ela, dende o seu estatismo inicial, aínda que sen perder ningún dos dous o seu “centro de gravidade” propio e sen deixar de lado o humor.
É unha proposta novidosa polo xeito en que fai dialogar as dúas disciplinas pero, sobre todo, é moi interesante nela a relación que se establece co público, nun paso a tres. Cando as persoas espectadoras entran na sala el está xa en escena bailando. Ela, pola súa beira, está sentada no medio do patio de butacas. Axiña se activan a estrañeza e o riso, pero tamén o riso nervioso, que parte do medo do público de non saber que vai pasar e como vai ser implicado. De feito, no traballo prodúcense varios momentos de especial interacción coas persoas asistentes. Nese senso, a peza fai pensar tamén arredor do xeito en que reaccionamos ante a autoridade, especialmente cando estamos en público e nos sentimos observadas. Como cremos actuar con liberdade pero como cedemos á presión dos outros; como aceptamos facer o que se nos pide sen rebelarnos e como calamos ante certas agresións.
Ao final, o público é chamado a bailar. En Cangas as persoas asistentes demostraron que tiñan moitas ganas de moverse e quedaron aplaudindo e bailando ao ritmo de Battiato e con poucas ganas marchar, agardando a que volvesen saír Miss Beige e Chevi, aínda que sen éxito.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela. 3 de xullo de 2022