A sexta edición do Torneo de Dramaturxia foi todo un éxito de público, que gozou dos textos teatrais que oito actores e actrices defenderon enriba do escenario do Auditorio Municipal. Despois dun intenso combate, o texto gañador resultou 'Xa están aquí!', da dramaturga Raquel Castro, interpretado por Salvador del Río e Eva Vila.
Os outros textos en combate foron 'Sopa de morcego', de Laura Porto e interpretado por María Francelina e Nuria Gullón; 'Flíper', de Cándido Pazó e interpretado por Anabel Budiño e Andrés Giraldez; e 'Viaxar é un pracer', de Antón Coucheiro, interpretado por Antonio Durán Morris e Avelino González.
Raquel Castro, gañadora desta edición, é licenciada en Filoloxía Galego-portuguesa e Hispánica, e profesora de Lingua Galega e Literatura no Ensino Secundario. Ademais, é presidenta da Asociación Teatral de Alxén dende 1999 e todas as súas obras están destinadas a ser interpretadas polo grupo de teatro infanto-xuvenil Ata Sempre de dita Asociación. Algunhas delas están publicadas nas editoriais Galaxia e Fervenza.