• Inicio
  • Novas
  • As pallasas Pepa Plana e Clara del Ruste gañan o Premio do Público da 39 Mostra

As pallasas Pepa Plana e Clara del Ruste gañan o Premio do Público da 39 Mostra

  • Clara Castilla

Pepa Plana e Clara del Ruste engaiolaron ao público da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas coa súa obra 'Voces que no ves' (Veus que no veus), da compañía Pepa Plana. O espectáculo das dúas pallasas pechou a 39 edición da Mostra entre aplausos e unha gran ovación dos asistentes. Como en anteriores edicións, o público votou despois de cada unha das obras da noite. E, tralo reconto, a obra gañadora foi 'Voces que no ves', logrando unha puntuación de 4,86 sobre 5. Pepa Plana xa estivo na Mostra en 2018, coa obra 'Paraíso pintado', que tamén recibiu o Premio do Público. 

Pepa Plana e Clara del Ruste concedéronnos unha entrevista tras coñecer o galardón do público, mostrando a súa gran satisfacción e agradecemento á Mostra. "Sentímonos moi afortunadas tanto pola acollida como pola resposta do público", aseguran. Ambas as dúas son conscientes do gran nivel dos espectáculos que se puideron ver durante as últimas dúas semanas en Cangas. "Na arte, é todo moi subxectivo e resulta moi difícil valorar o traballo dos artistas", explican e engaden que "cando che dan premios, peitéanche o ego".   

Pepa e Clara destacan o sistema de votación deste Premio do Público. "A xente pon en valor de xeito inmediato o que acaba de ver. É un acto moi rápido que ten gran valor, e é unha gran sorte que o teatro o poida facer", afirman. Plana e Del Ruste cren que espectáculos aparentemente tan "fáciles" de pallasas, sempre causan gran sorpresa entre o público, que sae coa satisfacción de "canto lle fixo rir a proposta e, ao mesmo tempo, canto lle fixo pensar". 

Para as dúas pallasas, o público da Mostra "é un regalo". Califícano de "fantástico" e cren que é unha audiencia que mostra gran sensibilidade cara as artes escénicas. Pepa e Clara enfatizan o feito de que a MITCFC cumpra en 2023 corenta anos. "Plantar unha árbore non costa, o que é difícil é que creza", aseguran e falan da importancia deste tipo de eventos para a sociedade. Por iso, recalcan que "os festivais son do pobo, non dos políticos de turno.

'Voces que no ves' é unha historia que agocha no seu interior unhas cantas pequenas historias máis, con grandes momentos dun camiño entre o cómico e o poético. O espectáculo narra a historia de dúas heroínas do século XXI intentando sobrevivir ás situacións, clásicas ou non, que a súa condición de pallasas lles ofrece.

Despois de 'Voces que no ves', as obras máis votadas polo público foron: 'Continente María' (Ainé) e 'O porco de pé' (Excéntricas), cunha puntuación de 4,63 e 4,61, respectivamente.

 

  

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.