A Mostra de Cangas celebra o seu 40 aniversario con tres fins de semana de teatro
A Mostra de Teatro Internacional Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) cumpre 40 anos e faino convertendo a vila morracense na capital do teatro durante 14 días. A XL Mostra, que abarcará tres fins de semana, arrancará o domingo 25 de xuño e rematará o sábado 8 de xullo cunha ampla e diversa programación que se dará a coñecer a principios do vindeiro mes de maio.
Para conmemorar esta importante data, a organización da MITCFC quixo encargar o cartel “a un artista colaborador e cómplice da Mostra”, como é Diego Seixo, quen xa no ano 2016 fora o encargado de deseñar a imaxe da XXXIII edición. María Armesto, directora artística do festival, lembrou que Seixo leva anos vencellado á Mostra “axudando a crear a nosa imaxe artística e creativa”.
Diego Seixo, cunha ampla traxectoria artística, tamén fixo unha adaptación especial do logo orixinal que Manuel Pizcueta, un dos máximos representantes do panorama artístico de Cangas e de Galicia, deseñou en 2004 para a Mostra. Trátase dunha imaxe conmemorativa para esta 40 edición “en recoñecemento e fondo agradecemento” ao traballo realizado por Pizcueta hai agora 20 anos.
Seixo explicou que o cartel deste ano recupera unha das imaxes que xa empregara na creatividade de 2016. “Quixen darlle continuidade ao que xa fixera volvendo incorporar o personaxe inspirado en Humpty Dumpty”, o ovo vaidoso que aparece na obra ‘Alicia no país das marabillas’. O artista conta que, nun principio, o cartel ía incorporar máis imaxes de Cangas, “pero no proceso creativo apareceron outras ideas”. Finalmente, pode verse a un personaxe sen rostro que intenta manter o equilibrio no escenario, representado por unha bombilla.
Desde os seus comezos, a Mostra encarga o cartel a un artista galego. “A nosa idea foi e segue sendo poñer en valor o enorme talento que temos en Galicia en cuestións gráficas e plásticas”, afirma María Armesto. Neste mesmo senso, Salvador del Río, coordinador da Mostra, explica que o obxectivo é “ter unha visión do que para outros artistas significa o teatro”.
Nesta 40 edición, a organización quere celebrar o gran talento galego cunha exposición que recollerá os carteis de todas as edicións do festival, desde o ano 1984 até 2023. A mostra, comisariada por Diego Seixo, inaugurarase antes do comezo oficial da MITCFC, no mes de xuño. Ademais dos carteis, a exposición recollerá bosquexos e outras manufacturas da creación artística dalgúns dos carteis de anteriores edicións e do propio logo orixinal de Manuel Pizcueta.