Colectivo de creación e investigación escénica contemporánea (Madrid, 1996) con sede en Vigo desde 2003, Ensalle é a suma dos creadores Raquel Hernández, Pedro Fresneda e Artús Rei e do seu percorrido conxunto desde 2005. As súas creacións próximas ao experimental, son o resultado dun traballo en continuidade levando á escena propostas híbridas que mesturan linguaxes cun contido socio-político-vital e en colaboración con outras e outros creadores. Con 26 producións na súa traxectoria, presentaron os seus traballos en España, Colombia, México, Chile, Arxentina, Uruguai e Portugal.
Un espazo mutante intervido polo colectivo de creación escénica Ensalle, Juan Navarro e Terrorismo de Autor. O traballo arguméntase a través dun -falso catálogo de asuntos- como reacción á homoxeneidade temática das sociedades contemporáneas. Do mesmo xeito adquire relevancia o feito de que cada momento escénico sexa, valéndose do mesmo texto, unha peza distinta, pretendendo eludir o momento industrial polo que atravesan as artes vivas. Evitando o produto.