Dúas mulleres, dúas xeracións, dúas creadoras amosan a súa obra nunha exposición na que os fíos de Sandra Bastón e as flores de Julia Rodríguez conviven en ditosa harmonía. As súas pezas contan cun minucioso estudo da cor, das texturas, dos materiais, sexan flores, fibras naturais, liño, seda, lá ou algodón e están feitas respectando as técnicas tradicionais pero sen renunciar á innovación nos seus cadros, composicións, tecidos, complementos e roupa. Obras realizadas cunha rigorosa investigación e coas as da súa fértil imaxinación.
Sandra Bastón. Tecedeira e delineante. Conta co selo Artesanía de Galicia. É unha das poucas tecedeiras profesionais recoñecidas pola institución. Introduciuse na artesanía téxtil despois de traballar no eido da delineación industrial e interiorismo. En 2013 monta o seu taller onde explora as distintas técnicas de tecido nun tear de baixo lizo. En 2022, xunto a dous dos principais investigadores de tecido tradicional galego, Carlos Díaz e Manuel Otero, crea a marca Pal.lium para deseñar produtos innovadores, baseados no patrimonio téxtil de Galicia. Proxecto con repercusión estatal e internacional polo traballo realizado para o Museo Thyssen reinterpretando pezas da súa colección pictórica e, tamén, por deseñar produtos para o arquitecto David Chipperfield.
Julia Rodríguez. Experta no prensado de flores é unha creadora autodidacta. Ninguén lle aprendeu, fíxoo do único xeito posible, creando o seu propio laboratorio, un taller no que experimentar e errar ata acadar a peza final. Leva máis de corenta anos de recolleita, nutríndose da flora autóctona de Galicia: orquídeas salvaxes, hortensias, camelias, cenoria brava, lirio amarelo… Prensa de xeito artesanal, non industrial, tampouco emprega tintes. Cunha depurada técnica crea pezas únicas, con volumen, abstractas ou realistas pero todas elas amosan o paso do tempo, mudan de cor e fican sempre vivas.