Skip to main content

Pregón

  • Domingo, 22 Xuño, 21:00
    Auditorio Municipal
  • Imparte

    As fillas bravas
  • Procedencia

    Galicia

Hai xa máis de dez anos As Fillas Bravas déronse a coñecer nunha actuación na Salasón, no marco das Xornadas Mulleres en Acción. Ninguén daba un peso por elas e aí seguen, percorrendo o país de lado a lado, tocando e cantando en eiras, carballeiras, adros, cortes, feiras, prazas, carpas, teleclús e teatros grandes e pequenos. Son tres mulleres maiores, pero os anos non pasan por elas. Son elas as que atravesan o tempo sen se decatar. Viven en Momán, unha aldea que non aparece nos mapas, pero na que todo é posible. Isaura é da casa da Pinanta, é fácil de recoñecer porque ri tanto como respira. Benedita de Cachán é a mellorada da súa casa e foi mestra durante moitos anos, agora coida da súa madriña, cando se deixa. A madriña é Dosinda de Cachán, a máis vella das tres, algo do que presume sempre que pode. Elas representan esas mulleres afirmativas, autónomas, creativas e implicadas na colectividade, que participaron na creación e transmisión dun tremendo repertorio de creatividade colectiva arredor da música, o canto e o baile. Se sabes que van tocar preto da túa casa, non deixes pasar a ocasión de coñecelas.

As Fillas Bravas son unha creación de Chévere e das actrices Patricia de Lorenzo, Arantza Villar e Mónica García.


FaLang translation system by Faboba