Transcorreron corenta e cinco anos desde que A Zaranda emprendese a súa andaina teatral, realizando un intenso labor creativo que lle valeu un gran prestixio internacional. A súa traxectoria ten como constantes teatrais: o compromiso existencial e o partir das súas raíces tradicionais para revelar unha simboloxía universal; como recursos dramáticos: a procura dunha poética transcendente sen perder a cotiandade, o uso simbólico dos obxectos, a expresividade visual, a depuración de textos no propio proceso de creación e a plasmación de personaxes vivos.
Ánxos que arrastraron as ás por esquinas sombrías, por habitacións por hora, consumindo os seus paraísos artificiais. Xogan con cartas marcadas a súa partida perdida de antemán. Acurralados pola violencia quedan só uns poucos soños por gastar. Personaxes que máis aló das tapias do cárcere ou os límites da periferia, saben que a condena é a súa propia existencia. Un destino que non se pode esquivar, aínda que os seus corazóns bruxuleen tras o amor. Ata do máis sórdido xorde a esperanza. Flores do vertedoiro que crecen na noite.
A Zaranda explora con esta obra no territorio máis hostil do cotián, desde a tradición picaresca, co seu desolador humor, cruzando a lectura social en busca dun sentido de elevación, abre a porta ao poético dentro do sórdido, unha fenda de luz no escuro. Chegando ata outros limites onde se conxuga realidade e ficción, narración e teatro.