O Torneo de Dramaturxia de Galicia consolídase como unha aposta firme da MITCFC para dar a coñecer a nosa dramaturxia, creando un nexo directo entre autoras/es e público.
Este proxecto, pioneiro en Galicia, conta coa imprescindible colaboración de DramaturGA, a primeira asociación profesional da dramaturxia galega.
Os torneos de dramaturxia son unha idea orixinal de Jordi Casanovas desenvolvida conxuntamente co Festival Internacional Temporada Alta de Girona.
Unha mestra de cerimonias única presentará este furioso combate no que catro recoñecidas dramaturGAS e dramaturGOS de Galicia bátense na procura do voto do público. As armas a usar? Retruques da palabra, ideas, ritmos, conflitos, sorpresas, accións, silencios.
O público asistirá a catro lecturas dramatizadas, interpretadas por actrices e actores profesionais de recoñecido prestixio, e será o propio público quen vote os textos que máis lles teñan gustado para que, de entre as catro pezas participantes, resulte unha soa a gañadora. Un espectáculo teatral, divertido e único que se verá avivado pola participación activa do público.