Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

  • MITCFC
  • Novas
  • Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, por Isabel Risco

Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, por Isabel Risco

Ouh! Fagamos unha arroutada colectiva, descontrolada, desacralizada, incemos os peitos de irreverencia, de rebelión, de gargalladas, de sensacións, abramos as cancelas da percepción, botemos o seu cadeado ao mar bravo e xeneroso que nos azouta transformando ese efecto en aloumiño, para que o engula e o deposite nas súas profundidades ignotas e transforme a súa materia en máis forza natural. Declarémonos insubmisas da ameaza dos urcos encadeados con gravatas de seda que cuspe o mar embravecido e que presiden a falsidade e intentan reducirnos a cinzas, que asexan máis aló das bambolinas como predadores, agardando que caiamos na trampa dun falso medo que intentan inocular con xiringas invisíbeis de agullas penetrantes e aloumiños que subministran con gadoupas envoltas en luvas de lá mariñá, que non atopan acomodo nas butacas ao estaren nun patio, xa que prefiren un salón engraxado de opulencia, a quen o palco lles parece un cubículo incómodo no que se retorcen como bechas velenosas e o galiñeiro pouco menos que unha latrina. Subxuguémonos a esta terapia liberadora e libertaria. As táboas, para as que non importa a materia da que están feitas, trasládannos ao espazo, ao tempo, á dimensión que desexemos, que os mecanismos sensoriais, que o corpo na súa fisioloxía orgánica e metafísica, precise.

Aurg! Bruemos como fan as cachenas ou as rubias máis abraiantes, que de bestas tornan rebeldes. Fagamos un aquelarre de bufonas, de Marías Balteiras, onde nos proclamemos raíñas da artesanía teatral e sobre a cachamúa un circo por coroa. Que veñan por nós por cometermos o delito de compartir a gargallada coa veciñanza, coas compatriotas, co público bo e xeneroso, atoparannos á beira do mar, nel non prendemos, e se o lume prende o teatro é a almadía salvavidas que nunca naufraga, sempre aboia, e non precisa de estruturas complexas para transmitilo, para compartilo, para conservalo. Mais quen lle negue á xente este alimento imprescindíbel, intentando desangralo aos poucos, nunha lenta purga, ou transformalo nun híbrido homoxéneo e inocuo, toda esta arte-sanía, antes ou despois, tornarase en tractorada pilotada pola rebeldía, a rebelión e a desobediencia máis creativa, a tolemia máis incontrolada propia dos anos 20, a indocilidade máis alegre, festiva, divertida e emocionante co motor da res-pública a todo full speed contra quen así o pretenda.

Ouveade con forza, somos as lobas que desmontamos o estabelecido, da raíña Lupa a Pepa a Loba, que se alían coas ovellas para guialas por vieiros que nunca se atreveron a rozar. Arrincámoslle a quen pretende amordazarnos o pano enxoito para devolverllo enchoupado de liberdade a quen lle pertence, ao pobo, ao público, a nós. Incémolo co músculo colectivo da resistencia, para mostrar o que agocha detrás, a luz ao final do túnel angosto, a perspectiva máis ampla da realidade, da imaxinación, da creación colectiva, do entretemento, da información, da transmisión do coñecemento, aquí e agora, alá e onte, aló e manhá. Seguimos o exemplo das mulleres bravas que lle berraban ao capital paternalista e abafante “Fóra, aquí bastamos nós!” Recollemos a semente pétrea que nos deixaron tatuada coa poética da liberdade. Nós, as inadaptadas, que navegamos en dornas cos refachos do nordés e forza 8 de atlantismo na procura da nosa orixe para ofrecerlle ao mundo a nosa identidade colectiva.

Somos as bruxas, as Marías Soliñas que volveron ignífugas, transformamos o lume nunha ferramenta que racha cos muros da indecencia e a obscenidade e por tanto fora da escena, sistémica e institucionalizada. Neste taboleiro desenvólvese o mellor xogo colectivo nunca inventado, unha loita na que as armas só disparan sensacións pracenteiras, sorrisos iridescentes, gargalladas estrondosas, risadas irisadas, bombas racimo de emocións, a munición son caraveleiras, camelias, rosas, chorimas, xestas, carballos, castiñeiros, fauna e flora propia, para erguer un exército como no bosque de Birnam, unha fraga pangalaica, o da illa á que chegou un tal Amaro ou o bosque encantado de Aldán, con vocación de ofrecérenlle ao mundo a nosa propia aportación na conquista da liberdade, ouveo que pronunciamos na nosa creación común máis grande e poderosa, porque o idioma é o primeiro instrumento do xenio dun pobo e que entre carballos vizosos e ergueitos vólvese aturuxo, EI CARBALLEIRA! Este berro cheo de aire purificador das que aman a comedia, que afasta os virus todos, aumenta as defensas do noso organismo, é medicina natural porque só pobo salva o pobo; vai para quen teima na idea de concederlles a quen exerce oficio tan honroso, dunha beira e doutra das bambolinas, a titulación de proscritas e proscritos, substancias psicotrópicas que alteran a percepción da súa realidade porque no canto diso fan abrir os ollos e espreitar as orellas. EI TEATREIRAS!

| Texto: Isabel Risco |