Demo

As novas da Mostra

Toda a actualidade da MITCFC, para que non te perdas ningunha información sobre os nosos espectáculos, eventos e demais actividades.

  • MITCFC
  • Novas
  • Paula Carballeira: "O teatro é unha arte viva. Imprescindible"

Paula Carballeira: "O teatro é unha arte viva. Imprescindible"

Paula Carballeira ofrecerá o pregón inaugural da XXXVII Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Será ás 21.00 horas nas Naves de Ojea. Escritora, intérprete e realizadora de contacontos e actriz galega, Paula Carballeira destaca que ofrecer o pregón é un "privilexio e unha grande responsabilidade". Para esta muller tan polifacética, a Mostra "foi moi valente" por seguir adiante coa celebración desta edición nunhas condicións tan especiais. Para ela, trátase dun encargo moi especial porque será "o primeiro acto con público diante despois do confinamento".  

Paula Carballeira amosa a súa paixón polo teatro en cada frase que di. "O teatro non se pode meter nunha pantalla. É unha arte viva. Imprescindible. O público respira xunto cos actores e actrices. É unha experiencia colectiva". Aínda que, segundo recoñece, todos estamos moi afeitos ao mundo virtual, "isto nunca vai substituír o contacto humano. Non ten comparación". Para esta actriz e narradora, no teatro, "a propia vida desenvólvese diante dos ollos".

Para a pregoeira, o aspecto lúdico non é o único que destaca do teatro, senón tamén o "artístico e reflexivo". "Vendo un espectáculo teatral, atopamos xente de diferentes xeracións. Un público heteroxéneo que despois fala do que acaban de ver.  

Paula Carballeira resalta a cariño e admiración que sente pola Mostra Internacional de Cangas. "Nos últimos anos, na Mostra estiven presente como actriz, narradora oral, autora de textos teatrais e tamén como público". Ademais, mantén unha relación profesional estreita coa organización , da que destaca que "crean un entorno cultural que vai máis alá dos espectáculos teatrais, cun Torneo de Dramaturxia, Xornadas de Mulleres en Acción, conferencias,..."