'O porco de pé' [Excéntricas]: A maxia do teatro
Crítica de Ana Abad de Larriva
Unha delicia. O porco de pé, de Producións Teatrais Excéntricas, incorporouse á programación da 39ª Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas, MITCFC, substituíndo a peza Los días ajenos de Bob Pop, cancelada por motivos de saúde do artista. E foi unha verdadeira delicia poder ver esta adaptación da novela de Vicente Risco, con dramaturxia de Pepe Sendón e Quico Cadaval e dirección deste último. A atmosfera que conseguen crear para meternos na ficción, lembrando o encanto das compañías de teatro itinerante, de barracón, dende a metateatralidade, amosando o artificio de que imos asistir a unha posta en escena, aínda reforza a maxia do que logo vemos.
Contribúe enormemente a iso a fermosa escenografía practicable deseñada por Carlos Alonso, e destaca o uso que se fai da mesma, ao aproveitar enxeñosamente moitas das súas posibilidades dun xeito áxil, nun espazo cun toque artesán pero moi estudado e traballado; así como a iluminación de Octavio Mas. O espazo sonoro, de Piti Sanz, está tamén perfectamente integrado, e as cancións interpretadas polo elenco fan respirar a peza e enriquécena, xerando aínda unha maior conexión coa persoa espectadora. Pero, por riba de todo, destaca a capacidade interpretativa do elenco: Víctor Mosqueira, Patricia Vázquez e Evaristo Calvo.
É impresionante o xeito en que Víctor Mosqueira dá vida ao porco, que se converte en marrán e despois en alcalde; a construción e mantemento da fisicidade e o xeito en que esta afecta logo ao discurso, nun personaxe moi difícil como é o de Don Celidonio. É engaiolante tamén a presenza de Patricia Vázquez, que atrapa e sorprende todo o tempo nos diferentes rexistros. E destaca tamén Evaristo Calvo na súa capacidade para ofrecer o contrapunto preciso a cada escena, como alfaiate transformista, como o conde ou como o doutor Alveiros... Os tres adoptan diferentes personaxes e desenvolven un gran traballo para cambiar de rexistros e facer todos os cambios dun xeito áxil e fluído.
Superaron o reto de darlle o ritmo e a axilidade xustas á obra, a pesar da súa lonxitude, e conseguen soster a vixencia da novela de Risco ao reforzar os temas universais, a ironía e a sátira. Pero sobre todo son quen de manter a persoa espectadora dentro do xogo, marabillada polo xeito en que personaxes, gags, acontecementos e conflitos se van producindo, facendo que, a pesar dese pouso pesimista final da obra, introducido dende o humor, marche contenta polo traballo visto. Velaquí a maxia do teatro e a maxia da interpretación en estado puro. E o público en Cangas aplaudiuno con ganas.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela. 2 de xullo de 2022