'Poi' [D'es Tro]: O voo da buxaina
Crítica de Ana Abad de Larriva
Unha pequena alfaia escénica. A 39ª edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas acolleu unha función de POI, da Cía. D’es Tro, nos Xardíns do Señal, unha peza que en realidade é un canto de amor ás buxainas. Pero ademais do amor, nela hai tamén un virtuosismo abraiante. Asistimos a algo poético e máxico e cun nivel de precisión e técnica difícil de ver se non fose grazas a esta proposta, pois Guillem Vizcaíno, o artista balear que leva a compañía e que protagoniza a peza xunto cos seus peóns de madeira, conseguiu en 2020 o título de Campión do Mundo de Buxainas en estilo libre.
Un home rural, que non fala máis que para berrar algunha palabra solta, chega onda nós e comeza a facer aparecer toda unha serie de buxainas de diferentes tamaños; mesmo fai el de buxaina. Son peóns artesanais, como tamén o é o espazo escénico, que inclúe unha árbore seca, unha mesa, sacos de rafia, caldeiros metálicos, listóns de madeira, palla, po. Terra. A peza lévanos ao campo, devólvenos á infancia. O espazo sonoro inclúe grilos, paxaros, animais de granxa, cancións tradicionais..., pero tamén o son en directo da buxaina ao bater contra o chan, contra a mesa, amplificado, como o ruído dun avión que conecta varios lugares e tempos. E a voz en off que se escoita nun momento complementa o sentido de todo o que estamos a ver e tamén establece unha ponte entre diferentes planos.
É fermoso ver como cada buxaina conta unha historia diferente, en función da súa forma, da súa punta, do que viviu, do que sentiu noutros chans. Hai unha gran beleza no xeito en que Guillem as fai voar polo aire e as fai xirar na súa man, na punta do seu dedo, nas súas costas, nas pólas da árbore; en como as fai viaxar por un fío, por un taboleiro deitado ou pola punta dun taboleiro vertical, e como goza facéndoo. Agradécese poder deixar a mirada pousada na maxia do obxecto e na súa capacidade para parar o tempo, para atrapalo, nunha época en que todo parece ir acelerado. Nese senso, o traballo combina o espectacular, no xeito en que está construída a dramaturxia e en como vai evolucionando e sorprendendo, co postespectacular, pola importancia que cobran os obxectos e os seus propios tempos.
Tamén destaca o xeito en que Guillem consegue implicar o público, solicitándolle asistencia para realizar diferentes accións, sacando as persoas da súa zona de confort, pero reconfortándoas cando ven que están a contribuír a que saian ben os números. A peza é unha pequena xoia redonda, moi ben fiada, que en Cangas fixo o público poñerse en pé, aplaudir durante moito tempo e achegarse a Guillem para felicitalo e fotografarse coas súas buxainas.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Xardíns do Señal. 5 de xullo de 2022