[CRÓNICA] Dereito a ser
O colectivo #ChamizoBelloVila estreou en Cangas, en coprodución e dentro da programación da MITCFC, a súa primeira creación de longo formato: a peza completa de Menú-do Día; un traballo que foran desenvolvendo e mostrando en proceso en festivais como o FIOT de Carballo, o FITO de Ourense, o Pezas dun Teatro do Porvir da AELG ou a propia MITCFC, gañando nalgúns deles diferentes recoñecementos por parte do público.
Trátase dunha proposta de carácter performativo que ten unha forte carga política, pois aborda e denuncia as agresións que sofre o colectivo LGTBIQ+. Ademais, tivo como detonante unha traumática experiencia vivida polo performer da peza, Alberte Bello, quen foi agredido física e verbalmente en Vigo en novembro do 2021, nun ataque homófobo.
O ritmo é pausado nas accións, que adquiren un ton case cerimonial polo xeito en que Alberte as vai desenvolvendo en escena, meténdonos na poética de cada xesto, de cada movemento, de cada acción que desenvolve. Hai vulnerabilidade e honestidade na súa presenza, no seu amosarse e “espirse” e nesa comparación que establece cos dummies, os bonecos que proban nas súas formas o alcance dos impactos. O ritmo pausado nas accións contrasta coa aceleración e mesmo agresividade que teñen os audios, tanto nos de declaracións en contra do colectivo LGTBIQ+, extraídas da actualidade política, como nos dos sons de motor de coche, freadas e colisións, de probas de seguridade en accidentes automobilísticos, que incorporan eles en relación coa figura do dummy que nos presenta Alberte no seu propio corpo. O son, moi alto e con frecuencias pouco agradables ao ouvido, transmite tamén á persoa espectadora esa agresividade.
A pesar da dureza dos temas que trata, o traballo, dirixido por Alberte Bello e Diego Chamizo, conecta dun xeito fermoso coa reivindicación da importancia de valorar e querer a propia esencia, e visibiliza, tamén dende a propia experiencia de Alberte, a importancia de coidar dende a infancia, tan vulnerable á marxinación por ser diferente. Ademais, pretende abrir unha pequena fenda de luz, dando a benvida a un espazo que quere ser unha festa da diversidade, aínda que o ton festivo queda só esbozado, sen continuarse, para non diluír o ton político da peza. A vontade deste colectivo artístico, que integran Alberte e Diego, xunto con David Vila, tal e como indica a proposta, é seguir denunciando as agresións e achegando o seu gran de area para paralas. “Estar presentes é ser existentes”, defenden; e “ser diferentes é ser existentes”, escribe Alberte, recollendo as palabras de Risco en Nós, os inadaptados. O colectivo #ChamizoBelloVila deixa claro que quere existir como compañía escénica e queren facelo de xeito coherente co que lles toca e os move no seu propio día a día, reivindicando a liberdade para existir e estar presentes tamén dende as táboas, tal e como poñen de manifesto na súa primeira creación.