'El verdugo', a crónica
Cales son os nosos límites? Canto os poderiamos chegar a estirar baixo presión? Estas son algunhas das preguntas que quedaban tras ver El verdugo, a película do ano 1963 dirixida por Luis García Berlanga, e as que seguen a quedar ao ver a orixinal versión escénica da compañía andaluza El Espejo Negro, que acolleu a 41ª MITCFC.
Esta adaptación ao teatro de monicreques é magnífica: xera un universo novo, e, sen perder a esencia crítica do filme orixinal, a posta en escena está enfocada en facernos pasar un tempo ameno e divertido, ao reforzar a comicidade do texto, dos personaxes e das accións, así como o manexo dos ritmos, e ao introducir novos gags.
Conseguir iso non é unha tarefa sinxela, pero quen o acomete é unha multipremiada compañía con 35 anos de traxectoria que xa recibiu numerosos recoñecementos por este traballo estreado en 2023, no 60º aniversario do filme orixinal. A capacidade de Ángel Calvente para facer unha adaptación dramatúrxica tan boa fíase coa súa maxistral pericia á hora de crear monicreques e máscaras cheos de vida propia e combínase co incrible traballo dos actores e actrices que os manipulan para que esa vida latexe forte. Son quen de facelos brillar con cada frase, con cada acción, con cada movemento, e destaca tamén como pasan de manipulalos a interviren dende si mesmos, en parlamentos cara ao público ou en diálogo cos propios monicreques, así como nas transicións, cheas de enerxía, con coreografías que dinamizan os cambios de escena. Porén, é tan forte e carismática a presenza física e vocal das marionetas, que nos momentos en que actores e marionetas dialogan, estas últimas apagan os primeiros. Os detalles dos outros elementos están tamén moi coidados: a construción do espazo, os obxectos, as proxeccións e a música.
O humor mantén un sorriso constante nas persoas espectadoras, sen embazar o peso do conflito dramático, que está todo o tempo sobrevoando a escena, como unha sombra. A peza trasládanos a unha época da historia de España recente que semella quedar moi atrás, aínda que a pena de morte non se prohibiu ata o ano 1978 e non se retirou do código penal ata 1981, e o garrote vil se empregou ata 1974, pero vemos que, salvando as distancias, os conflitos e dilemas dos personaxes de El verdugo seguen a resoar: a precariedade laboral e de acceso á vivenda, a falta de expectativas ou a disxuntiva de acabar aceptando ou non camiños nunca valorados para non caer a rebolos pola escaleira da vida. A pesar da lonxitude da montaxe, o ritmo mantívose en Cangas ata o final, ao igual có abraio do público ante semellante habelencia.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 28 de xuño de 2024.