'Passport', a crónica
Cantas anécdotas caben nunha maleta? E nas duns actores e unhas actrices acostumados a viaxar de lugar en lugar? Cantas delas se poden aínda nutrir e amplificar, grazas aos mecanismos da comedia xestual? A compañía Yllana trouxo á MITCFC a súa peza Passport, que ofrece unha hilarante viaxe polas diferentes situacións e conflitos que lles xorden aos integrantes dunha compañía de teatro na súa xira por un país chamado Komedistán, ao que foron convidados despois do éxito acadado internacionalmente cun dos seus sketches.
Apelan aos estereotipos? Si. Aos lugares comúns? Si. E precisamente por iso conseguen conectar tan ben co público, incorporando tamén efectos sorprendentes, trucos de maxia e momentos con marxe para o imprevisto, dentro da dramaturxia. A compañía ten xa 33 anos de traxectoria e conta cunha forte base de afeccionados e afeccionadas. Aínda que todos os espectáculos da Mostra están a ter unha grande afluencia de público, neste encheuse por completo o teatro. A función deu cita a persoas de diferentes idades que sementaron o patio de butacas e o anfiteatro do son de gargalladas continuas, e mesmo de toses estertóricas,
porque houbo algunha persoa que case afoga de tanto rir. Esta intensa reacción que conseguen provocar vén de como a actriz e os actores explotan en escena as súas capacidade expresiva e de como inciden na relación directa co público, mesmo botándolle un pulso en varias ocasións.
Todo o elenco destaca polas súas dotes actorais e cada intérprete ten os seus momentos de protagonismo, dándonos a oportunidade de conectar con cada personaxe, aínda que César Maroto brilla especialmente na súa interacción coas persoas espectadoras. Despois dunha función dunha peza anterior da compañía que me deixara bastante fría, encantoume poder conectar de novo coa maxia de Yllana e a súa comedia xestual; co riso e tamén co ben que se pasa vendo cada xesto, cada ocorrencia, cada reacción, así como os elementos escénicos empregados, e a súa relación coa música, as proxeccións e a iluminación.
Aínda que o obxectivo principal é que o público o pase ben e ría, hai momentos poéticos e algunha cuestión de fondo nos temas abordados que fai pensar, como a tiranía da idade e da imaxe. A peza decorre dun xeito tan fluído que a hora e media que dura non se fai longa, todo o contrario. Os sketches teñen un ritmo áxil e intégranse unha estrutura que vai evolucionando, con momentos de suba e de baixada da tensión, que logo ascende (ao tempo que avión descende) nun intenso remate. O aparato estrélase (sinto o spoiler, aínda que tanto ten porque vai gustar saber ou intuír o que vai pasar e querer ver como se chega aí) pero a
peza non se estampa; voa ben alto nesta viaxe pola risa e o bo ambiente.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 29 de xuño de 2024.