'A idade do cacifo', a crónica
Unha larva que está a medrar de xeito acelerado antes da eclosión que a converta en bolboreta. Con esa metáfora para referirse á adolescencia abriu a compañía portuguesa Peripécia Teatro a súa peza A Idade do Cacifo, que se puido ver na 41ª MITCFC. No xogo retórico que empregan, o casulo é o “cacifo”, ese armario pequeno que hai nalgúns centros educativos para gardar a mochila, os libros, a roupa deportiva, a merenda... E o “cacifo” tamén como ese cuarto pequeno en que pecharse para abeirarse do mundo, da presión social doutras xeracións, pero tamén da propia. A vida toda metida nun cubículo (e non se abre aquí o melón das redes sociais).
Con esa imaxe da larva que vai medrando dentro do casulo ata a súa metamorfose tamén poderiamos resumir a evolución da propia obra. Esta arranca coa imaxe dos armarios e con varias cancións que, cunha forma paródica, presentan o tema e os conflitos de arranque. Nainterpretación da actriz e dos dous actores hai unha teatralidade tan marcada nos xestos e na voz que, tal e como é desenvolvida, parece non ter modo de evolucionar. Isto, xunto co paso continuado dunha canción a outra, e un acompañamento musical que carga o ambiente, con algúns acoplamentos de son e distorsións na voz falada do músico/actor, que dificultan a
recepción, xera un certo estrañamento. Estas primeiras escenas remiten a unha sorte de parodia musical psicodélica, e non hai nelas unha progresión clara.
Porén, co decorrer da peza, van permitindo que xurdan os silencios e que respiren e medren os gags físicos e obxectuais, mentres desenvolven un maior xogo cos armarios. A música vaise integrando dun xeito máis fluído coas accións físicas e co texto, e o músico/actor vai saíndo doseu armario propio, para interactuar directamente co que acontece no resto da escena. Pouco a pouco, o casulo vai rompendo: vaise definindo a progresión, o público vai conectando cos códigos, e, sen perdelos, o elenco vai permitindo que xurdan outros matices na súa interpretación, xerando unha complicidade co público que vai impulsando a emisión de risos e
bos comentarios no patio de butacas.
Os cambios físicos e psicolóxicos que se producen nesa etapa da vida; o medo a non encaixar, ás expectativas, ao futuro pero tamén ao presente, ao acoso, á burla e aos alcumes, á violencia verbal e tamén á física, non só no instituto ou noutros espazos fóra da casa, senón tamén dentro dela; nun momento de gran vulnerabilidade, na busca e/ou reafirmación da propia identidade e o propio presentarse e estar no mundo... son algunhas das cuestións que se abordan, así como a visión que teñen as xeracións maiores da mocidade. Debaixo da grosa capa da parodia cóase, pois, unha visión ampla sobre os conflitos da adolescencia, que toca cuestións moi serias.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 4 de xullo de 2024.