'Canchal 11', a crónica
“Como reacción á homoxeneidade temática das sociedades contemporáneas”. Así xurdiu Canchal 11: Sobre Ensalle, Juan Navarro e Terrorismo de autor, coproducida pola MITCFC, cuxa estrea absoluta acolleu a sala de exposicións do Auditorio Xosé Manuel Pazos Varela.
Chego a unha peza performativa completamente inesperada en canto ao nivel de agresividade co público, cun espazo sonoro que vai incorporando desagradables frecuencias e efectos nun volume crecente ata superar os límites do respecto polos tímpanos, buscando o malestar físico directo. Non houbera aviso previo, para que a xente fose preparada ou decidise se quería asistir. Houbo quen tapou como puido os ouvidos e aguantou a molestia, ou quen, mesmo cubríndoos, tivo que acabar saíndo, como eu, e agardar a que rematase o ruído, que se prolongou nun crescendo. Unha señora marchou sen esperar fóra a ver se “o barullo” remataba, porque lle estaba a facer dano, pero antes resumiume así ao que asistira: a unha “estridencia máxima”. Ela e outras persoas, mesmo que non marchen no momento, son espectadoras perdidas; e eu pregúntome que se busca con iso.
É patente o aumento xeral no volume do espazo sonoro das pezas nos últimos anos, así como no emprego de luces estroboscópicas, que deberían ser sinalados nos programas e moitas veces non o son, pero tamén de propostas que buscan percutir de xeito extremo os ouvidos e a vista do público para provocar certos efectos, sen avisalo. Onde están os límites éticos (e dos decibelios permitidos)? Non é posible estimular sensorialmente sen agredir? Nas pezas anteriores que eu vira de Ensalle conseguírano, de aí o inesperada que foi para min esta proposta.
Baixa o nivel acústico. Volvo entrar para poder escribir, coa tensión de que parece que se vai repetir. Da tensión vai a peza, que aborda a violencia que cada persoa leva dentro e busca activala, non só agredindo sonoramente, senón a través das imaxes e accións, así como xerando contextos nos que a persoa espectadora poida revelar tamén a súa propia escuridade, como cando unha persoa do público é convidada a bater na performer e, en vez de negarse, acepta, mallando nela con saña. Os diferentes elementos escénicos (dende o desempeño actoral, ao texto, á iluminación e ao son, así como as accións vinculadas a estes) actúan en diverxencia, querendo ir aos límites, facendo que o público non conecte, a pesar de que haxa imaxes cunha interesante forza plástica. Porén, a pesar do xogo cos límites e de que a peza xurdiu como reacción á homoxeneidade, o seu fondo lembra temática e formalmente a outras propostas escénicas e cinematográficas de hai décadas. Volve o barullo extremo ao final. Fuximos varias persoas. O son séguese a escoitar ao saír do edificio, varias plantas máis abaixo. Quizais non leramos ben o título, que avanzaba sobre que ía ir a peza.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Sala de exposicións do Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 6 de xullo de 2024.