'Redes', a crónica
Cales son os fíos que nos amarran, nos moven e nos drenan? Arredor das liñas de poder coas que se vai tecendo a sociedade xira a obra Redes, de Las Ansiadas Producciones, creada e interpretada por José Luis Montiel e dirixida por José Piris, que acolleu a 41a MITCFC.
Trátase, pois, dunha peza cun único actor en escena, e a interpretación baséase no teatro xestual (no mimo e na pantomima), sen texto, só con exclamacións, onomatopeas e palabras inventadas, agás algunha palabra definida solta. O espazo escénico está construído con fíos vermellos, que remiten a unha rede de sensores infravermellos que impide a fuxida. Agás un baúl, unha marioneta, un par de elementos que manipula o monicreque e unha máscara, o resto de obxectos son mimados. Na obra destaca especialmente a gran capacidade expresiva do actor para xerar el só as diferentes situacións, personaxes e conflitos polos que transita a peza, e para transmitir co seu movemento e a súa xestualidade, nun gran esforzo físico.
Porén, non é unha peza para relaxarse e deixarse levar; require da atención e da imaxinación das persoas espectadoras para que estas poidan seguir o fío do que acontece en escena. Precisamente por iso, como nela conviven o plano narrativo e o poético, sobre todo na primeira parte, cando o público está a entrar nos códigos do que se lle está a presentar, hai accións que, pola maneira en que son executadas, abren a porta a imaxinar outros contextos e desenvolver outras interpretacións, ou mesmo a primar a forza ou a beleza do movemento por riba do significado concreto. Isto o que fai é xerar rupturas ou diverxencias na descodificación e outras lecturas que, aínda que non impiden que logo se volva confluír nunha liña compartida, fan que se perda o fío que conecta os diferentes cadros e quede a impresión de que son escenas illadas. A iso tampouco contribúen a dramaturxia do espazo sonoro e os seus cambios de cancións, que xeran a sensación de corte, en vez de transición fluída, a pesar da liña das accións, así como as atmosferas que van e volven, sen haber unha progresión moi definida.
O espazo sonoro si que contribúe ao fondo da peza, ao axudar a xerar un ambiente cunha certa densidade e escuridade. A presión ao longo da vida por encaixar nos moldes e seguir o camiño preestablecido; o influxo da televisión e das redes sociais; a adicción á comida rápida; a presión da imaxe e o abuso do exercicio físico, da cosmética e mesmo da cirurxía; os riscos do poder; todas estas cuestións aparecen a través de imaxes e pequenas escenas que decorren unha tras outra, con algunhas coreografías entre elas, para reforzar esa acumulación, esa desesperación, esa vontade por querer cortar os fíos. E que pasa cando se cortan? Que hai outros xeitos de seguir manipulando e controlando. E podemos librarnos deles abrazando esa esencia pura que levamos dentro e que quere fuxir dunha escuridade da que a do personaxe que se nos presenta, duplicado na marioneta, non é quen de saír?
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 5 de xullo de 2024.