'Sobre o extravío ou a arte de perderse', a crónica
A sala de exposicións do Auditorio albergou dentro da MITCFC a estrea absoluta da nova peza producida por Furia Sotelo, plataforma que acolle os proxectos escénicos da bailarina e coreógrafa Nuria Sotelo. Neste traballo postespectacular, titulado 'Sobre o extravío ou a arte de perderse', Ana Vallés asina a dirección e a autoría, mentres que Nuria actúa como intérprete. Trátase dunha proposta de carácter performativo, que combina diferentes linguaxes, entre as que destacan as artes do movemento e a manipulación de obxectos. Unha muller, que semella levar enriba o peso dunha viaxe, dun disfrace, dun rol, chega a unha sala
aparentemente coñecida para ela, e, desposuíndose ou ordenando parte da carga que trae, comeza a habitar e explorar o lugar, partindo do coñecido para atopar outras posibilidades.
Esa muller tamén fala ao público da súa busca, e, aínda que menciona que non quere que o que di soe artificial ou construído, detéctase precisamente unha certa artificiosidade na emisión do texto; mesmo que apela á persoa espectadora, o xeito dilatado en que é dito evoca unha dúbida continua, sostén a fluidez e xera unha distancia. En contraste, nas accións de movemento que desenvolve Nuria, a pesar de estar estudadas e deseñadas, e teren a duración medida, a pose controlada, hai a naturalidade do diálogo real que provoca o propio movemento e a propia relación cos obxectos na procura dese equilibro. As accións decorren e
nelas o seu corpo fala; un corpo adestrado, un corpo curtido, un corpo dunha bela elocuencia, dende a súa plasticidade. Envólveo todo o diálogo físico coa luz das lámpadas, sublimado pola música, no cromatismo de sangue suave que baña por momentos a escena, sen quitar a frialdade e a sensación de soidade e decadencia, mesmo nos momentos de maior intensidade física, especialmente cara ao remate da peza, cando Nuria baila e despraza o mobiliario, deconstruíndo o espazo.
O texto faise máis próximo cando acontece algo inesperado que rompe a convención e xorde a espontaneidade ou se xeran ambigüidades, ou a intérprete mira directamente aos ollos do público. Nel hai citas e reflexións filosóficas que nos conectan cos conceptos de busca, de perda (e de perderse) e de retirada, e con como cultivar a arte de descamiñarse para atopar novas rutas e de deterse para descubrir novos impulsos, tanto na arte como na vida.
Na proposta hai moitos elementos plásticos recoñecibles do universo escénico de Ana Vallés. Na retina quedan as estampas escultóricas, a propia poética dos obxectos escollidos e os usos que Nuria fai deles, xerando novas imaxes. Trátase, pois, dunha proposta íntima, plástica, para ver sen présas e deterse nos detalles de cada movemento e acción, en cada coreografía da luz, que o público aplaudiu na súa saída ao mundo.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Sala de exposicións do Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 28 de xuño de 2024.