A catarse dun melodrama queer [Crítica de 'Cariño malo']
Coa sensación de que asistira a algo moi especial. Así saín da función que acolleu a 43 edición da MITCFC de Cariño malo, da compañía peruana Ministerio de La Belleza, o pasado domingo, 28 de xuño, coincidindo co Día do Orgullo LGBTIQ+. Algo moi especial non só no propio traballo da compañía senón tamén no ambiente que este xerou no patio de butacas do Auditorio Municipal de Cangas. Era a estrea en España desta peza, que se inspira no formato das radionovelas para facer unha parodia destas e do melodrama
iberoamericano dende unha perspectiva queer. O humor e a exuberancia que, de súpeto, desbordan do elenco, sostéñense e estoupan dun xeito moi intelixente nun espazo escénico sobrio, que ten como elementos centrais uns atrís e micrófonos e unha mesa con obxectos para facer efectos sonoros, así como unha estética en branco e negro, tamén no vestiario; cun punto retro, que conecta moi ben co formato da radionovela e coa historia que se nos presenta.
Esa sobriedade e ese coidado na construción do espazo escénico fan que o foco se centre en cada detalle do traballo interpretativo, en cada cambio de voz, en cada pequeno xesto, en cada palabra; que é o que nos fai imaxinar as escenas. Os actores levan traxes que lles amplían, de xeito frontal, as proporcións do tronco, producindo un contraste visual coa harmonía visual do espazo, e, ademais, incorporan bigotes postizos; todo isto cun interesante punto drag king. Porén, non lles quedan nada grandes os traxes, metaforicamente falando, xa que os enchen, desbordando presenza. Destaca e abraia a capacidade do elenco para cambiaren de personaxes, de voces, de xestos, para debuxar todo na escena, dende unha proposta aparentemente minimalista e en branco e negro; para amosarnos as sombras dunha sociedade violenta e represora e da clandestinidade obrigada; nun espazo algo escuro no que, de cando en cando, unha luz de contra nos cega.
Atopámonos cunha peza que, como pon en valor a propia compañía, nos achega ao obsceno, entendido, dende a súa etimoloxía, como aquilo oculto, situado fóra da escena, ou forzado a estar fóra dela, dende unha abordaxe moi interesante e que vai en liña con iso mesmo. Vemos os actores, que na radionovela non se verían, só se escoitarían; detállase de xeito explícito o que normalmente se mantén calado; e achegámonos a unha historia que resoa con moitas outras que foron silenciadas, ocultadas, marxinadas. Cóntansenos os
segredos, os soños e desventuras de Silvio, o protagonista; falásenos da súa vontade de amar e de desexar libremente. Porén, todo iso só o podemos “ver” ou imaxinar a partir dos matices das voces, dos xestos faciais e dos movementos das mans e dos bustos; non se representan as escenas máis que como se faría durante a gravación dunha radionovela. O elenco é quen de alternar personaxes e narración cunha capacidade asombrosa, xerar matices e recrear ambientes falando a un micrófono. Ademais, outro elemento novidoso e valioso é a resignificación de cancións crioulas dende unha perspectiva queer, dunha maneira sinxela e moi poderosa á vez.
Cariño malo visibiliza a fraxilidade e tamén a forza da loita pola propia liberdade á hora de ser, de amar e desexar; así como a dor, a crueldade, a violencia e a represión; e faino dende o melodrama, protagonizado por un antiheroe, que por máis que el e nós queiramos, parece non poder escapar do seu destino, aínda que a peza acabe xerando unha catarse. Faino apropiándose dos clixés, das burlas, dos ataques, revirándoo todo, como armas imbatibles que golpean dende a palabra e o humor. Empregando o riso para visibilizar, para ridiculizar as ofensas, para sandar, pero tamén para facer gozar o público ao longo de toda a función. Estamos, pois, ante unha peza tremendamente humana que xera empatía mais que tamén incomoda; que combina o patético co sublime, ao igual que o riso coa dor; que amosa a sordidez e a mesquindade ao mesmo tempo que a tenrura e a ilusión; que divirte e entretén, pero que tamén fai pensar. É unha obra que en Cangas mantivo o público completamente atento ao longo de toda a función, seguindo, reaccionando, rindo, acompañando o que acontecía na escena, para, finalmente, poñerse en pé, con calorosísimas ovacións.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 28 de xuño de 2026.