Skip to main content

'5.0', a crítica

  • Creación e interpretación: Sue Moreno
  • Dirección: Gonçalo Guerreiro
  • Música orixinal: Manuel Fonte
  • Asesoría batería: Diego Puga
  • Asesoría flamenco: Carolina Blanco
  • Vestiario e escenografía: Sue Moreno
  • Fotografía e vídeo: Amaia Niango

Aínda lembro o día que miña nai cumpriu cin…cin…cin… 5.0; eu tiña vinte e tres anos, tería vinte e catro nove días despois e estaba facendo o doutorado en Inglaterra. A miña nai non se parecía a Sue Moreno. Ningunha das amigas da miña nai, ningunha, se parecía a Sue Moreno, nin sequera aquelas persoas que eu fora coñecendo pola vida adiante, polo mundo adiante e polo tempo atrás… simplemente non era así. Daquela, hai… en fin, hai algúns anos (máis de catro lustros), as mulleres que cumprían os cin..cin..cin…5.0 simplemente estaban noutro paradigma. Nun no que unha persoa de vinte e pico anos non podía imaxinarse. Pero o tempo pasa, iso é o que fai o tempo, pasa…

Pasa e non deixa pensar no que acontece ata que de súpeto a mesma información envorcada polo algoritmo nas nosas mentes, ollos e cabezas nos reubica na liña temporal propia, porque un dos xeitos de medida que temos as persoas é tomando a unidade nos fillos e fillas e sendo que raro era que as amigas de miña nai tivesen fillas de dez a quince anos cando se achegaban a… ao momento ese do que falamos arriba, agora é o común, pero non é o común recalibrar o proceso de percepción, é dicir, para unha nai do 2026 o proceso de cumprir cin…cincuenta (xa o dixen) pasa por ter as fillas, polo menos, na universidade (como era no pasado e será sempre e xa se dixo!). Polo que é imposible que o paso dos anos sexa igual cando o sufrían elas e cando nos pasa a nós… Tranquilas, as que estades nos vinte, como di Sue… Tamén chegaredes (e oxalá cheguedes coa mesma sensação de ansia de aventura, liberdade e rebeldía dela).

O que tampouco é igual é o discurso, o coñecemento, a comprensión e faladoiro público dos cambios hormonais que atravesa unha muller alén da posible crise emocional derivada de cumprir anos (seica neles maniféstase en mercar unha moto, como di a protagonista nunha das intervencións monologadas do espectáculo), pois cada vez é máis habitual recoñecer os sinais nas compañeiras e nunha propia (os cambios de humor, os calores, a néboa mental, a sensación de baleiro que roza a ansiedade existencialista, a perda de visión que se engade a todo isto… e todo por se esvaecer a capacidade de crear novos seres para poboar a terra? Despois de anos de desangramento isto?) En fin… Por sorte Sue Moreno atopa o xeito de crear un espectáculo catárquico para quen transitamos eses terreos e divertido para quen nunca se pensou ver neles (sexa que vaia estar ou non) e tamén para quen xa estiveron, que ben se lles vía no público ás superviventes coas gargalladas fondas e honestas.

Desde o humor e a verdade o espectáculo estrutúrase en intervencións musicais de selección impecable (debe ser cousa da idade que temos o Spotify sincronizado tamén), monólogos en clave cómica con moito aderezo clown, escenas de teatro físico que ecoan a información compartida a través dos monólogos incrementando a carga dramática e tinguíndoo dunha lírica delicada que se contrapón á forza vocal da narración e números de acrobacia e equilibrio sobre teas, botellas e trapecio.

Dentro da inmensa dificultade de soster un espectáculo teatral con base de circo unha persoa soa, Sue Moreno fai un traballo exquisito no que non só a capacidade do seu corpo para executar o número a varios metros sobre o chan cobra relevancia, senón que consegue ganduxar o acrobático no fluír escénico dunha historia. Unha historia que non ten presentación, nó e desenlace, que ten un ritmo propio e un fluír, un control do ritmo narrativo marcado e medido para ser suave e repousado nas coreografías en chan (nas que é evidente o coidado estético da peza na elección cromática cun intuitivo 60-30-10 negro, verde, vermello), para atender na súa voz, para acompañala ao Inferno nos números musicais e para o abraio en canto a súa man aperta con forza unha tea, unha corda ou unha flor. 5.0 é un agasallo para todas, un sorriso oculto, unha vida ao dispor das espectadoras, un manifesto contra a obsolescencia do corpo, un desexo para reconstruírse e seguir adiante, cara aos cin..cin..e tantos coa mesma forza que nos trouxo a este momento e a este lugar.

FaLang translation system by Faboba