Á procura da liberdade [Crítica de 'Caperucita en Manhattan']
O conto de Carapuchiña vermella, na súa versión orixinal, buscaba insuflar nas nenas o medo cara aos “lobos”, para afastalas do perigo. Porén, Carmen Martín Gaite, en Caperucita en Manhattan, inspirábanos a cambiar os finais das fábulas, poñendo en valor a curiosidade, a ilusión, a valentía e a procura de liberdade alén do medo. Teatro de La Abadía trouxo a Cangas, na 43a MITCFC, a súa montaxe desta novela, con dramaturxia e dirección de Lucía Miranda. A peza estreárase en 2025, no centenario do nacemento da autora, falecida no ano 2000, sendo a primeira versión teatral do libro, publicado en 1990.
Non é doado adaptar un texto narrativo á escena. No proceso de transdución son moitas as decisións e escollas para ver o que se mantén, o que se quita, o que se modifica e o que se engade, tendo en conta as especificidades que requiren as artes escénicas e tamén a riqueza de elementos e linguaxes que estas permiten. A partir dese traballo xérase un universo novo, que pode estar máis ou menos achegado ao orixinal; e, nese senso, a montaxe de Teatro de La Abadía consegue crear un mundo propio de forte carga visual e auditiva, alén de manter a atmosfera onírica dunha fábula contemporánea. Resulta moi interesante o deseño do espazo escénico, que ten como base lavadoras. Estas xeran diferentes contextos e adquiren numerosos usos, conectando coa sociedade de consumo americana ou co imaxinario das lavandarías públicas, aínda que non adquiran ese emprego; mais esa escolla xera tamén algunhas limitacións para que a escena evolucione. A estética conecta coa cultura pop e ten un efecto moi atraente.
Destaca tamén o traballo actoral do elenco e a súa enerxía; especialmente, a capacidade de Miriam Montilla para interpretar a nai e a avoa, e de Carmen Navarro para cambiar de personaxes. Establécese un código de actuación nelas que vai en liña coa propia estética e se ensambla moi ben con ela, tamén na personaxe de Sara, a protagonista, interpretada nesta función por Mar Calvo, coa que conectamos a pesar de que non acabemos de ver nela a esencia dunha nena de dez anos, pois nos remite a unha rapaza maior. A personaxe de Miss Lunatic, que desenvolveu Esperanza Elipe neste pase, tamén esperta tenrura e humanidade, pero atópase nun código de actuación que non acaba de equilibrarse de todo co resto da proposta. Outro elemento propio é a música en directo, da man de Marcel Mihok, ao contrabaixo, quen tamén se introduce na trama; e noutras cancións interpretadas pola actriz que fai de Sara.
Alén do interese xeral que suscita e mantén a proposta en múltiples planos, algúns elementos e referentes quedan difusos na dramaturxia, tanto na propia adaptación do texto de Martín Gaite como na homenaxe que se introduce dentro dela á autora e á súa filla, Marta Sánchez Martín, falecida en 1985, e á relación entre ambas. Quizais pola imprecisión que hai nalgunhas partes da dramaturxia, a obra acaba resultando algo longa, aínda que, moi acertadamente, introduce varias escenas con interaccións co público nos momentos nos que a atención pode comezar a diminuír, que dinamizan o patio de butacas e resultan entrañables e divertidas. A mensaxe da obra, aínda que é clara, tamén queda un pouco diluída, polo propio desenvolvemento da peza, pero mantén o convite a ser unha mesma e procurar a liberdade alén dos medos.
No seu conxunto, Caperucita en Manhattan é un espectáculo que transmite ilusión e cor, sen ocultar as sombras, xerando un universo propio e achegando unha mensaxe poderosa a través dun traballo actoral destacado, para traer por primeira vez á escena un texto moi especial.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 27 de xuño de 2026.