'Crunch 2!', a crítica
- Elenco: Oscar Páez, Dani Blanco
- Dirección: Natalia Outeiro 'Pajarito'
- Escenografía: Dani Keller
- Vestiario: La Mapache
- Música: José Díaz
- Luces: Beatriz Rubio
Extra, extra, Scrunch e Spunk volven ás andadas!!! Os superheroes máis famosos a este lado do Miño retoman a súa actividade para salvarnos dos perigos máis malévolos, dos malvados máis perigosos, das sombras da realidade, da comida lixo preprocesada e da ameaza invisible da titulite e as viaxes no tempo!!!
A Alameda Vella de Cangas é o escenario para esta nova entrega da saga de superheroes máis divertidos e comprometidos coa simboloxía do desastre e o medio ambiente: Scrunch e Spunk atópanse nunha nova encrucillada: a incapacidade para exercer o único que saben facer ben sen morrer de asco por mor dunha total ausencia de título universitario! Os dous compañeiros póñennos ao día sobre o que está a ser a súa realidade habitual, na que tiveron que colgar as capas de loitadores contra o mal para atopar un traballo precario que lles axudase a sobrevivir neste mundo capitalista: así agora son anuncios andantes de menús de hamburguesas, carteis con pernas que tentan sobrevivir ao tedio procurando unha saída porque non hai castigo meirande para o heroe que ter que claudicar e encetar a súa vida formando parte do sistema de glutamato e comidas hipercalóricas e hiponutritivas que tanto denostan e contra o que adoitaban loitar! Non hai peor derrota que a de saberse engrenaxe da máquina creadora de problemas e así, derrotados e submisos, entran en escena sabendo que aquela situación de necesidade é tocar fondo e desde o fondo, desde a coreografía de Shakira, só se pode ir cara arriba, cara á superficie que unha vez foi deles…
Para superar este novo obstáculo da realidade terán que viaxar no tempo, a través da porta do pasado, para poder sacar con éxito os exames da universidade de superheroes e poder acadar o ansiado título, un papel que non cambia nada dentro da súa propia idiosincrasia pero que lles permitirá retomar o camiño do heroe e resolver, con éxito, todas as misións que deixaron adiadas por mor da hiperespecialización do mundo contemporáneo.
O show navega polas regras do xénero dos superheroes americanos sabendo que incluso Superman foi, no seu día, a simboloxía dun emigrante que podía ter superpoderes grazas á diferenza cultural. Así eles encaran as debilidades da sociedade, a preguiza, o desacougo, a explotación forestal, a desconfianza ou a falta de lealdade cara aos amigos e camaradas coas ferramentas do clown, do surrealismo e da acrobacia. Loitan no mundo das ideas deformando a realidade exterior como medio de expresión do sufrimento e dos verdadeiros superviláns da realidade interior de cada un de nós, tecen o código dos cadriños en tres cores, puntillistas, para facernos lembrar que na infancia todo argumento era posible e toda maldade debía ser vencida. Vencen e convencen.
Scrunch e Spunk non procuran o que non son, a súa honestidade no pretender bufonesco é a súa maior fortaleza, e así demostran a súa capacidade de seren totalmente invencibles, because son quen de invocar o caos, negar a realidade, e construír coas súas propias ferramentas unha proposta escénica que nace da súa intención artística honesta, física, afiada na lingua e sempre cunha base de denuncia cara á verdadeira inxustiza, cara á dramática perda do espírito crítico sen se colgar medallas, sen pretensións e sen fogos de artificio (se os tivesen serían probablemente cartolinas pintadas con purpurina). Nesta proposta de teatro de rúa Dani Blanco e Óscar Páez deixan a pel e arrancan gargalladas, e ao final gañan os bos, que é o que todas e todos desexamos e, sen artistas coma eles, acabariamos esquecendo.