Skip to main content

A beleza da diferenza [Crítica de 'THE ONE & the one']

  • Ana Abad de Larriva
  • Críticas

Seica non hai luz sen escuridade, nin alegría sen tristura, nin yin sen yang. E, se o equilibro na vida vén dunha conxunción de elementos contrarios, a arte do clown sabe explotar isto con mestría. Así o demostran Hélène Gustin e Tanja Simma a través das súas personaxes Colette Gomette e Anna De Lirium, respectivamente, no espectáculo THE ONE & the one, que se puido ver na 43 MITCFC.

Atopámonos cun dúo cómico marabilloso formado por dúas personaxes moi diferentes, tanto fisicamente como no seu carácter e na súa maneira de moverse, e, nesa desemellanza, cada unha delas brilla e complementa a outra. Cada corpo ten características antitéticas, pero, grazas a simpáticos gags, imos achegándonos á expresividade e á beleza de cada un. Os contrastes dan pé tamén a outros ocorrentes xogos cómicos con diversos obxectos, que van xerando un dinamismo continuo na escena, e, nalgún momento, a sensación de estar a ver un espectáculo de maxia, polo abraio que xeran.

Trátase dunha proposta de teatro físico sen palabras, que inclúe sons inarticulados e onomatopeas, dende o gromelot. Destaca de xeito especial como conseguen achegarnos dúas caras diferentes da tenrura, ou, máis ben, dous xeitos diferentes de espertala en nós. Anna De Lirium provoca unha tenrura continua, dende a súa maneira de ser e de estar na escena, de moverse e de mirar, de aceptar o que lle propón e lle fai Colette, de compartir. Colette Gomette, pola contra, chega ladrando, ouveando; parece arisca, máis mandona, máis egoísta, pero dende detrás desa fachada vaise coando a súa vulnerabilidade, vaise amosando como se vai abrandando e como vai aprendendo a relacionarse doutro xeito con Anna.

Todos eses contrastes que xeran a través do xogo con elementos aparentemente sinxelos pero desenvolvidos dun xeito moi enxeñoso poñen de relevo as habilidades expresivas das dúas actrices de xestual e pallasas, que refulxen con luz propia no seu dominio do oficio. A dramaturxia xestual de cada xogo está moi ben trazada e executada con habelencia, aínda que entre todos os numerosos xogos que desenvolven haxa algún momento moi puntual no que algunha acción se precipita lixeiramente ou anticipa algo. Ademais, resulta moi fluído o xeito en que cada unha se conecta coa outra, xa que a dramaturxia global do espectáculo é sinxela e efectiva, dende o presente da escena. Porén, cara ao final da peza, esta dilátase e dilúese un pouco, a pesar de que os xogos sigan a manter o ritmo e resultar interesantes.

THE ONE & the one é un espectáculo divertido, entrañable, para público familiar, que amosa como se vai desenvolvendo a amizade entre dous seres, a priori, moi diversos. E o fermoso é que o fai dende a capacidade de abraio das clowns, que gardan a ilusión e a inocencia máis puras da infancia, mesmo cando queren botar man da picaresca; e tamén dende presenza física en si mesma. Dende o xesto e as miradas, dende a poética dos corpos; sen necesidade de palabras. É belo porque o mostra dende os contrastes e as arestas que poboan a vida: os conflitos, a frustración, as desavinzas, as inseguridades, as miserias...; nunha proposta que fai reaccionar, rir, e, sobre todo, sorrir; descubrirse cos beizos continuamente curvados cara arriba. E así foi como marchaba o público trala función en Cangas, sorrindo.

Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 3 de xullo de 2026.

FaLang translation system by Faboba