A humanidade das cousas [Crítica de 'Viva!']
Empregar a poética do teatro de obxectos para tratar temas cheos de dureza. Iso foi o que fixo a compañía hispanofrancesa La Loquace Cie para crear Viva!, peza encargada de clausurar a 43 MITCFC.
Hai algo na alteridade do inanimado que xera unha distancia e que, ao mesmo tempo, contribúe a achegarse a cuestións que mediante a interpretación actoral directa resultarían moi complexas de abordar e de desenvolver no grao preciso. A súa presenza nesta peza causa en si mesma unha lixeira sensación de estrañamento ao representar persoas e accións, ao mesmo tempo que posúe unha forte capacidade poética que xera imaxes moi visuais; que, á súa vez, remiten a outras estampas moi difíciles de representar.
Viva! posúe, xa que logo, características postespectaculares, e xunta o traballo actoral co traballo cos obxectos nunha combinación moi interesante que serve para amosarnos detalles dunha historia que tamén se desenvolve en varias escalas. O punto de partida é unha historia familiar, a de Pepe e María, avós de Daniel Olmos, quen conforma a compañía canda Lisa Peyron. Ou seica non. Quizais o punto de partida foi a propia historia de Lisa e de Daniel, parella artística e tamén sentimental; o que aconteceu nas súas vidas ata que chegaron a unha historia familiar marcada polas sombras e como afondaron e decidiron crear unha obra sobre ela.
Neste traballo con base documental, da historia concreta das dúas parellas, Lisa e Daniel, e Pepe e María; ábrese un plano xeral. Un feminicidio na Castela profunda acontecido no século pasado conéctanos cunha realidade tristemente aínda global e atemporal; e as marcas da guerra civil española e a posguerra da ditadura franquista incididas nel achégannos, dun xeito visual e diferente, a unha época do pasado recente que abriu feridas que aínda proen.
Os obxectos son materiais de oficina, conectando coa traxectoria previa de Daniel como avogado, antes de dedicarse ao teatro. Van saíndo dun escritorio con caixóns moi versátil, que funciona como elemento central do espazo escénico, e destaca especialmente a dramaturxia do traballo con eles, que está moi coidada e moi ben desenvolvida. O seu emprego, paradoxalmente, volve a peza fondamente humana, pola vida que adquiren e todo o que simbolizan. E esa humanidade refórzase pola propia presenza e xeito de estar na escena de Lisa e Daniel, dende si mesmos, achegando a súa vulnerabilidade e mesmo as súas imperfeccións, con moita honestidade. Atopámonos, pois, con algo feito con coidado, agarimo e ilusión, a pesar da dureza do que abordan; e agradécese o que fixeron por rescatar, abordar e visibilizar a figura de María, da que case non tiñan información.
Porén, non é unha humanidade que impacte, que golpee, polo distanciamento emocional que xeran os obxectos e a interpretación actoral. É unha humanidade que amosa e achega, que sorprende visualmente, con momentos moi próximos a xerar ese impacto máis visceral que non chegan a facelo. Unha humanidade que acaba deixando que o que poñen sobre a mesa, nunca mellor dito, fale por si mesmo; nunha peza que aborda temas moi duros sen deixar de ser amable, algo que tamén pode vir dado pola súa orientación para público familiar. En Cangas a función rematou cun grandísimo aplauso e o público en pé.
Lugar e data: Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela, 5 de xullo de 2026.