Skip to main content

'VIVA!', a crítica

  • Autoría e dirección: Lisa Peyron e Daniel Olmos
  • Interpretación: Lisa Peyron e Daniel Olmos
  • Produción: La Loquace Cie
  • Acompañamento á creación: Kate Deville – Théâtre de la Cuisine
  • Deseño de son: Mathias Guilbaud
  • Deseño de iluminación: Julie Darramon

A peza de Lisa Peyron e Daniel Olmos (compañía teatral francoespañola… perdón, mellor, hispanofrancesa) pecha as actuacións de sala da XLIII Mostra de Teatro Cómico e Festivo de Cangas. Daniel (Dani, en adiante) diríxese ao público antes da peza. Non. Daniel diríxese ao público como inicio da representación da función. Saúda, indícanos que as características técnicas fan que as persoas que estamos nos laterais vaiamos ter dificultades para ver ben, que podemos adiantarnos cara a primeira fila, a das autoridades, e ocupala por completo. Que podemos ocupar o lugar das autoridades, coma se iso fose o inicio dunha revolución anunciada da que non somos conscientes ata que xa estamos totalmente vencelladas á dramaturxia da obra. A primeira escena da función é unha declaración de intencións: desde o pequeno contarase unha historia inmensa, con todos os matices, na que poderedes pensar, dubidar, xulgar, na que vos poderedes posicionar, e na que a vosa condición de persoas é superior a calquera título, cargo ou cifra da conta corrente. Aquí, o único que ten valor é a comunicación entre intérpretes e patio de butacas, de criatura a criatura…

Dani preséntase. El de pequeno quería ser artista, xa llo dixo ao pai, mais o pai insistía en que primeiro fixese algo de proveito, así que Dani é avogado. No seu despacho hai un escritorio, con sete gabetas, unha cadeira, un cadro cun retrato seu e outro cun retrato de seu pai e unha dedicatoria… O avogado presenta a Lisa, a súa compañeira na compañía… Ao meu carón hai un home que respira forte e que se remexe na butaca con incomodidade. Lisa leva a iluminación cando Dani actúa, lévalle os obxectos… os obxectos… La Loquace Cie disponse a contar unha historia inmensa desde os pequenos detalles, e non precisará máis que lapis, post-its, casas de madeira de balsa, pequenas lanternas e unha capacidade de comunicación que trascende a mera invocación do son a través dos beizos. Porque hai texto, hai texto verborreico e intenso, probablemente por iso o nome da compañía describa ese tipo de persoas que non son quen de manterse en silencio… Mais centrémonos, apaguemos as luces innecesarias e prendamos unha candea que alumee o comezo da historia, 1936, antes do 18 de xulio… Nunha pequena aldea de Castilla y León, Pepe (un lapis vermello) goza das liberdades e xustizas que escoita baixo os anunciamentos do goberno da República, porén… o ano, coma di o intérprete, é un spoiler evidente. Sobre a mesa dous cartafois, un vermello, un azul, representando aos bandos que terán contenda na Guerra Civil, os golpistas e os defensores do goberno que sufriu o golpe de estado. Porque Pepe enténdese só desde a óptica do sucedido cando ve como asasinan aos seus compañeiros e cando el mesmo é liberado por intercesión do cura, ficando eivado da cabeza durante o resto dos seus días, mudando nun ser transtornado e violento que dará en matar á súa muller, María.

Os acontecementos non se poden adiantar, mais esta resolución xa ficou revelada na sinopse que a propia compañía achega á revista do festival. Entón… Se sabemos o final, para que ir? … Para entender o camiño. Para comprender, para non esquencer e para aguantar a respiración no momento da execución, do maltrato, da verdade ocultada polo país por baixo da alfombra… Imos para rir cando os intérpretes o desexan, para admirar como son quen de manter a gravidade dos feitos relatados cunha precisión e definición meridiana, sen suavizar nin blanquear a maldade, ao tempo que tecen unha dramaturxia de tenra relación de parella, da complicidade, da amizade e da comprenetración dos opostos… Cambiemos de punto de vista… Lisa preséntase. Ela de pequena quería ser avogada pero acabou sendo actriz. No seu estudio hai unha mesa, una cadeira, e un axudante (Dani) que trae multitude de obxectos cando son necesarios… Como Dani nunca foi capaz de interpretar a escena na que seu avó destrozaba a casa onde vivían (metáfora do maltrato sen límite) e como realmente eles constrúen esta historia baseándose no que intúen que puido pasar, comparten co público o proceso creativo totalmente integrado no ritmo da peza: deciden darlle outro punto de vista… Como foi este proceso, esta vivencia, para María, a avoa de Dani? Dani toma os mandos da iluminación, e Lisa convértese e María, unha muller que antes de 1936 tiña soños: estudar, viaxar, abrir unha conta corrente sen o permiso de seu pai ou seu marido, ser dona do seu corpo, ter un traballo propio, ser dona do seu estado civil… Claro, o ano… é un spoiler e retoma a narración cíclica presentada por Dani facendo súas moitas das interlocucións do actor, facendo comúns e complementarios os momentos e empregando, no canto dos lapis de Dani, os post-its que poderían ter sido o confeti dunha vida feliz e seguen a ser os soportes do que non damos lembrado, clasificado en cores para poder telo presente nunha organización mental que cremos dominada. Lisa vivirá a vida de María desde o momento de coñecer a Pepe ata o día no que a mata, e a través do seu relato aprenderemos de certa felicidade temperá, das vexacións e os insultos, da resiliencia por sacar adiante os fillos e da sumisión obrigada pola absoluta dominación patriarcal do réxime político no que se ve obrigada a vivir a súa existencia.

O final era coñecido, está na sinopse. Malia levar un cravo de ferro atravesado no peito no final da peza, o epílogo abre vías de diálogo coa acción, co significado da oralidade, da comunicación, da xustiza e da memoria. No escenario fican os lapis e os post-its coma se estivesemos convidadas a dar o paso que falga, a coller o grafito e apuntar con premura nesa ferramenta das lembranzas todo aquilo que se non se fala corre o risco de ser esquencido, de ser repetido. Dani e Lisa comparten leito, discuten quen debe apagar a luz, fían promesas dun espectáculo futuro e mentres agardan a que finalmente os obxectos que conxuraron universos enteiros sen necesidade de intelixencias artificiais nin efectos especiais, semente a resposta nas nosas voces e nas nosas vontades, que etiquetemos os lugares, os momentos, as situacións de partida e de chegada, que codifiquemos e cataloguemos, que reflexionemos e non deixemos de falar do que pasou, do que pode pasar, do tempo que pasa, do que pasa cando pasa o tempo e o Alzheimer social vence á presenza dunha realidade dominada polo medo, que as casualidades pode ser que non existan e que se chegamos ata aquí, no tempo, pasando o que pasou, non podemos seguir pasando do pasado.

FaLang translation system by Faboba