'La loca historia del siglo de oro', la crítica
- Elenco: Lola Sánchez, Dani Jaén, Roberto Calle e Cristina Zarandieta
- Dirección e dramaturxia: Javier Uriarte
- Deseño de iluminación: Gustavo González
- Composición musical: Balta Cano
- Deseño e realización de vestiario: Eloísa Serrano
- Deseño e realización de escenografía: Antonio Ollero
- Deseño e realización de atrezo: Roberto Calle
- Fotografía: Rocío Gallardo
- Vídeo: Bokeh Estudio
- Deseño gráfico: Isaac Gutiérrez
Eu non sabía que unha táboa de pasar o ferro podía dar para tanto… É normal, nin me chamo Felipe nin vivín no Século de Ouro, aínda que se podería argumentar que no Século de Ouro non existían estas táboas de pasar o ferro. O caso é que La Escalera de Tijera & Z Teatro poñen en escena unha achega divertidísima na que condensan o período histórico que abrangue desde 1492 ata 1681, ano do falecemento de Calderón de la Barca, a través das voces e corpos dos que poderían ser catro comediantes traídos nunha máquina do tempo, ou adaptados ao que imaxinamos que podería ser un comediante daquel tempo tan afastado e tan prolífico para a conquista, para ser chamado rei e chamarse Felipe ou para a creación literaria.
Alternando o teatro físico, os números de corte acrobático ou evidentes malabarismos, e o xénero musical, a compañía repasa a historia de 190 anos situando os distintos reinados como marcos de cada un dos pulsos escénicos para introducir, en estruturas semellantes, petiscos visuais e referencias selectas das creacións literarias do momento ou dos eventos históricos máis senlleiros, moitas veces procurando a complicidade do público. Así aproveitan o reinado de Carlos I para introducir os sonetos de Garcilaso, presentan a Miguel de Cervantes como creador do Quixote e como dramaturgo e poeta co cambio a Felipe II, e navegan os reinados de Felipe II, III e IV recorrendo a continuadas referencias a Góngora e Quevedo (e as súas disputas e tendencia pendenceira) e, por suposto, a extensísima creación teatral de Lope de Vega ata rematar coa morte de Calderón de la Barca.
Con forte presenza do designio da comedia da arte a través dos personaxes estereotipados e o teatro moi físico, a compañía non precisa dunha escenografía vizosa senón que é quen de desenvolver a súa dramaturxia de xeito coherente e conscientemente complexo a través de pequenos obxectos do cotián: cordas, pelotas enormes de equilibrio, as mencionadas táboas de pasar o ferro que tan pronto son un cabalo, coma unha embarcación, un confesionario ou un instrumento de tortura da Santa Inquisición. A revisión histórica, porén, non escapa á crítica ao sistema monárquico, á presenza fortísima da diferenza de clase ou ao abuso da Igrexa amparada polos reis e raíñas dentro dun texto indiscutiblemente cómico con momentos de interpretación enmarcada no teatro clásico español que revelan a altísima profesionalidade dos intérpretes ao cambiar, tan bruscamente, de código.
Cangas faise teatro clásico e gargallada, as persoas mozas que van comigo berran con ganas a resposta a quen matou o Comendador e botan a rir cando Quevedo precisa da recolocación corporal que deixe patentes as súas eivas físicas; a máis nova das dous, que leva nisto de vivir menos dunha década e nisto do teatro pouco máis dun lustro e medio, pregunta por que houbo tantos Felipes e que será iso da Inquisición… As respostas son complexas, por iso, malia o excelente traballo de actores e actrices, a un asáltanlle as dúbidas sobre todo o que chega, se o repaso das aulas de Lingua e Literatura é abondo ou se no público precisamos revisar os nosos clásicos. Supoño que a resposta é sempre afirmativa, pois pouco podemos perder volvendo á lectura de Lope, Calderón ou ás poéticas do Barroco. Moito hai de ganancia na ruptura da estatística que propoñen os integrantes de La Escalera de Tijera & Z Teatro, esa na que anuncian, con razón, que se ben case todos coñeceremos unha obra chamada Don Quijote de la Mancha, case ninguén a leu… Cangas sempre teatro, sempre verdade sobre as táboas e reflexión sobre a vida ou, neste caso, sobre as lecturas do verán… Despois de todo, saber quen matou o
Comendador, como me lembra a pequena espectadora, non explica por que o mataron.