Skip to main content

'Tavole', a crítica

  • Elenco: Ariñe Azkue, Óscar Páez
  • Dirección: Aritza Rodríguez
  • Escenografía: Jose Luis Canete
  • Vestiario: Estudio 14
  • Apoio na creación: Centro artístico ZAWP
  • Acompañamento na produción: Artaide

Tavole é un espectáculo de rúa que nós xa vimos en sala, e iso está ben porque permite que co clima galego se poida gozar del no verán, no inverno e en calquera estación intermedia que teñamos polo medio. O asunto comeza cos dous intérpretes entrando en escena ligados dentro dunha viga, en roupa interior. Tan separados coma unidos por esa estrutura metálica, descubrirán a súa roupa no centro do espazo escénico e terán que atopar o equilibrio para se vestiren e comezar o espectáculo. Non se precisa máis para entrar de cheo na súa proposta, nos seus sorrisos e na maldade que intercambian entre eles e co público ao ter o acerto de non estigmatizar a ningún deles co rol do “bo” e do “malo”, albergando criaturas que navegan todo o espectro de grises das emocións desde o branco puro e inocente a unha sorte de negro escurísimo que, porén, non deixa de ser a zona escura do concepto de maldade da infancia, nada tan tenebroso coma, por exemplo, ser o CEO dunha gran empresa multinacional (onde vai parar!).

Así decorre a função, escalando dificultades e fiando unha narración aparentemente inconexa que, con todo, é o cotián, pois non existe necesidade de moral nesta peza e non é unha fábula, é unha concatenación de situacións cómicas e acrobáticas que xorden unha da outra cunha fluidez natural desde a chegada á construción dunha megaconstrución na que fan equilibrios con elementos que semellan cotiáns —as mesas—, que nas súas mans se converten en torres e refuxios nos que xogar ás agachadas, a se retaren o un ao outro, a se atoparen e se perderen entre os designios do agocho e a confianza da execución precisa de cada un dos movementos e da harmonía das liñas imaxinarias que as súas piruetas e xestualidades describen no aire.

Chama a atención de xeito moi positivo a igualdade deitada no espectáculo interpretado por Óscar e Ariñe. Ningún dos dous exhibe un peso dominante nin na forza nin na trama; hai unha alternancia e un equilibrio natural, obviamente premeditado e traballado, que xorde do desequilibrio para procurar desde o movemento unha situación de estabilidade que outorga á peza un relanzo constante desde o fermoso caos ata a ecuanimidade atopada no abraio da proeza de forza e acrobacia.

Por último, cabe mencionar a loa á construción visual da pausa, o degolo por evocar imaxes estáticas desde o movemento tan lento e delicado como sexa posible, cun sorriso nos beizos, pendurando de panos, de persoas ou de táboas coma se un corpo puidese sosterse cunha mínima pinza sobre as mans sen esforzo. Mencionar tamén a mensaxe antibelicista, a concordia, o conflito solventado desde o riso e a capacidade de un ceder para unha gañar, de unha retroceder para un avanzar. En resumo, as cartas sobre a mesa, a vida bonita, a vida en compañía.

FaLang translation system by Faboba