'El avaro' de Molière, a crónica

Podemos temer á escuridade. Podemos termer os clásicos coma quen teme sentar de novo ante un pupitre escolar e entender que a interpretación dos textos era unha excusa para que outras persoas pasen o tempo mentres moitas anotan con caligrafía discutible unha selección de palabras por veces incomprensibles. Ou podemos levar os clásicos ao público que elixe non temer a escuridade a través do teatro. 

Será cousa da escuridade ou das portas… que na proposta de Atalaya do clásico de Moliére agardamos desde a seguridade da butaca con certa cautela… polo que poida pasar unha vez se faga o silencio, porque si, ben o sabe Mr Dumpty, no teatro, aínda se garda silencio no preludio á escena. 

Pouco dura, a escenografía de portas e da construcción do espazo sucédese de xeito frenético mesturándose co musical e co argumentario. Desaucios. Ao día seguinte Tristán Ron falará do que foi a sala Nasa a través da súa novela gráfica na Capela do Hospital. Desaucios non, penso, desafiuzamentos, como se a palabra máis longa tivese aínda máis carga emocional da inxustiza. 

A comedia de Atalaya anega a escena con un elenco ao que case non estamos afeitos, mais de novo lembramos que os 40 anos da compañía deron en que teñan un teatro de seu, e ate conten con videotecas, cameríns, bibliotecas, residencias para a creación escénica a través de residencias… A Mostra de Cangas, ben se ve, é internacional.

Cayetana! Berra o avaro. A forza na representación e coreografía dos números anteriores á mención do personaxe encarnado por Silvia Garzón lembra á versión teatral de Chicago, esa elegancia e á vez cuasi violencia na execución dos pasos, deitando un desafío que podería dar paso a un tango e que rompe nunha fervenza atlética de voces, argumentación e cadencia rítmica marcada alternando enredo con espectáculo. Lembro a Brecht, pero elixo estar no momento que vivimos desde as cores hipnóticas da proposta da compañía para o vestiario. Os vermellos das prostitutas, esperables pero en diseño totalmente acorde coas súas danzas, coas súas voces, a rebelde de aspecto afrancesado, mais non semellante ás mulleres do Moulin Rouge que poboan os dominios de Cayetana, os fillos do Avaro engalanados e fuxindo da elección de cores plana que os resaltaría coma cativos dentro da trama da obra, coñecida e non por iso menos actual, menos acertada. 

Os casamentos sen amor, o amor sen cartos, a xuventude en contraposición coa usura. A comedia no seu labor titánico de traer unha historia do pasado, cos traxes dun pasado imaxinario, case propio dun mundo de marionetas para adultos con brillantes coloretes redondos e certos ataques orquestítico e unha perpetua banda sonora que podería escoller Kusturica. É imposible non querer achegarse máis, saber máis, beber máis, adiviñar se o falso dominó das portas da escenografía caerá sobre o mundo, se pola contra se abrirán cada unha en cadansúa esquina e a través do fluír dos personaxes cheguen a formar un uróboros, unha cinta, un nudo gordiano, unha cidade, centos de casas na cidade, centos de persoas a chamar ás portas, centos de ánimas a esixir xustiza contra a avaricia do xénero humano. Do xénero dun humano.

Un préstamo a pai morto.

Un cofre con dez millósn, e ouro, e xoias.

Unha promesa de amor verdadeiro.

Unha revolta.

E o éxito da comedia, tan superior ao drama en dificultade. 

Iso si, cando cae o pano e xa é o día seguinte, non pensen que os avaros todos xa foron castigados, queda moito que rarear.

 

Contacta coa MITCFC

Auditorio Municipal de Cangas
Avenida de Lugo, 36940 Cangas, Pontevedra

Tel.: +34 986 30 41 08
Descargar información como: vCard

Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
© MITCFC. Todos os dereitos reservados.
Deseño: Diego Seixo.