Enma Pino, sentida homaxe a unha artista polifacética
A XXXVI edición da Mostra non puido ter un comezo máis sentido. Máis cheo de sensibilidade e sentimento. Familiares, amigos e admiradores da obra da pianista e compositora Enma Pino (Tui 1958- Vigo 2014) achegáronse o xoves 27 de xuño ata o Auditorio Municipal de Cangas para rendir un sentido tributo á súa obra. Á súa persoa. Ao seu singular xeito de entender a música e a cultura. Xa de nena, e sen coñecemento algún de música, tocaba todo canto instrumento tiña na man, piano, guitarra, flauta... e estuda danza, tamén.
Despois de estudar piano e combo no mítico Taller de Músics de Barcelona, regresa a Galicia cunha idea fixa, facer música e tocar o piano, con furia, como só ela sabía tocar. Gáñase a vida percorrendo Galicia con diferentes orquestras converténdose nunha das primeiras mulleres instrumentistas sobre un escenario.
A directora artísitica e de Programación da MITCFC, María Armesto, presentou un acto que se alongou durante case tres horas. Laura Romero, ilustradora, urban sketcher e música, presentou o seu proxecto 'Músicas galegas ilustradas' e falou do importante, aínda que case invisible, papel das mulleres na música.
A continuación, a cantautora Uxía Senlle, amiga persoal de Enma Pino e coa que tocou en varias ocasións, interpretou dúas pezas musicais que as unía. Uxía estivo acompañada ao piano por Alberto Vilas.
A pintora Menchu Lamas lembrou a súa amizade con Enma Pino e narrou divetidas e reveladoras anécdotas que axudaron a dar a coñecer máis profundamente o talento da artista e o seu forte compromiso social. Activista infatigable pola cultura, convive e colabora co xenial grupo de comunicación poéticca 'Rompente' e absorbe a luz e a forza do inesquecible Grupo Atlántica. Forma parte de grupos emblemáticos de rock, como 'Bromea o qué', 'Bombeiros Voluntarios', 'Bloody Mary' ou 'Frangos' e empeza a compoñer. Colabora cos rompedores programas de Chichi Campos para a TVG, 'SOS' e 'A ver que vai ser isto'.
Elvira Pontevedra, pianista e profesora, interpretou dúas obras inéditas de Enma Pino. As pezas foron creadas a partir dalgunha das pezas soltar que a homenaxeada deixou en distintas carpetas.
Anxos Sumai, escritora, falou do interés da compositora pola escrita e deu a coñecer algúns fragmentos de textos que ela mesma escribiu ao longo da súa vida e que deixan constancia da súa valía tamén como escritora de poemas e de relatos. Sumai revelou que Emma Pino escribía co calma. En soidade.
No acto houbo cabida para máis música. A cantante María Costas, coa que Enma Pino creou o mítico dúo 'Bloody Mary', interpretou dous temas da compositora a partir de poemas de Anxos Sumai. Estivo acompañada polo pianista Jacobo González.
Para rematar o acto, Area Erina, videocreadora, presentou e estreou unha creación que documenta, poeticamente, a vida e obra da súa tía, Enma Pino.