Ses e Cadaval, protagonistas da inauguración
O acto de inaguración da Mostra Internacional Cómico e Festivo de Cangas tivo dous protagonistas absolutos. En primeiro lugar, fíxose entrega do Premio Mulleres en Acción 2019 á cantante e compositora María Xosé Silvar, Ses. Posteriormente, celebrouse o pregón a cargo do actor e dramaturgo Quico Cadaval.
A MITCFC decidiu outorgar este ano o Premio Mulleres en Acción a Ses en recoñecemento ao seu espléndido labor artístico, compromiso e discurso a prol da igualdade e empoderamento das mulleres, labor que a converte, ao noso entender, nun referente para centos de nenas e nenos que tanto necesitan exemplos de mulleres llibres que non hipotecan o seu éxito artístico a unha imaxe sexualizada ou estereotipada, senón á súa música e ás súas ideas.
Ses subiu ao escenario emocionada e mostrando o seu agradecemento polo galardón. Alí , ante un auditorio ateigado de xente, falou de feminismo e do moito que queda por facer para rematar co machismo doméstico. Para acabar cos comentario e actos que a cotío se dan en moitos fogares de todo o mundo e que menosprezan e infravaloran o papel da muller en todos os ámbitos da sociedade.
Despois, chegou o agardado momento do pregón inagural, este ano a cargo de Quico Cadaval. Ao longo de varios minutos, o público non parou de rir. Cadaval falou do humor, da importancia de rirse a gargalladas e do saudable que resulta.